Das cogobernanzas

|

Fai escasos meses, nos intres de maior incidencia da pandemia, as Comunidades Autónomas esixían  poder controlar e gobernar elas as decisións e as medidas a aplicar ante os males que chegaran de improviso. As que estaban gobernadas polo PP cunha especial dureza. Rachaban as vestiduras e clamaban ao ceo e acusaban ao Presidente Sánchez de ter ao pais sometido e amordazado, e reclamaban liberdade e reivindicaban as súas competencias. Pasamos á fase de cogobernanza. Pero non foi o bálsamo de fierabras. Curiosamente, no pecado levaron a penitencia. Feijóo era un fenómeno, pero antes das eleccións, cando non  tiña que tomar decisións para atallar a pandemia. Hoxe, é un dos destacados que nin sabe nin contesta. Pasan os prazos e achégase o inicio de curso, e pasa a engrosar o exército popular que pide ao goberno que menos cogobernanzas e pasen a asumir todo o control dunha vez. É dicir, ataque ao goberno cando tomaba as medidas duras e necesarias que resolveron un problema, e novamente reclamación para que sexa o Goberno Central quen asuma as competencias. Agás Comunidades moi concretas, en xeral esqueceron planificar e facer fronte aos retos que sabían que estaban ás portas. Ou non souberon facelo. Mais alá dos discursos efectistas e das promesas electorais, resulta que non había absolutamente nada. A estratexia agora é o clásico Deus dea a quen botarlle as culpas. E agochar así a súa inescusable ineptitude. Por iso están os presidentes do PP todos os días nos medios, e en orde de combate. Todo sen facer, pero esixíndolle aos demais que o fagan por eles. Un relato xa coñecido, certamente, pero non por sabido, resulta menos dramático.

Todas as memorias te habitan –díxolle El– e deixan esa beleza triste do tempo que sucede e das voces que enchen os baleiros. Mentres, comestos de nostalxia, facemos co presente recordatorios de amor e circunstancia.

Das cogobernanzas