A valentía é chegar a acordos

|

A Coruña de 2020 xa conta con presuposto municipal. Aprobouse definitivamente hai dous días, de novo co voto afirmativo de catro dos cinco grupos políticos que forman a corporación. Pero –como dixo o concelleiro José Manuel Lage, cuxo magnífico traballo resultou fundamental para lograr o obxectivo– “estes orzamentos teñen unha única cor, a dos veciños e veciñas da Coruña”. Así é. Estamos ante unhas contas expansivas e dialogadas, profundamente progresistas e que avanzan no proceso de reactivación da cidade que levamos oito meses implementando e que xa está dando numerosos froitos; aí está este presuposto ou o desbloqueo de grandes proxectos como a intermodal ou a Cidade das TIC, xa unha realidade. Imos no bo camiño.

O proxecto aprobado polo pleno aposta pola mobilidade e os servizos sociais; por novas peonalizacións; polas escolas infantís e as infraestruturas comunitarias; polo apoio a quen máis o precisa; pola actividade económica, cultural e deportiva; pola loita contra a soidade indesexada dos nosos maiores; polos grandes proxectos de idade ou o coidado da contorna. Polo tanto, supoñen unha boa noticia para todos e todas. Debemos felicitarnos. E felicitar.

Como alcaldesa, síntome orgullosa deste presuposto. Tamén de como se fixo. Con negociación e apertura, con talante feminista (e políticas nese senso) e en común. Polo tanto, agradezo públicamente ao meu grupo socialista e tamén aos da Marea Atlántica, BNG e Ciudadanos o seu esforzo e respaldo. Así mesmo, convido a sumarse no futuro a quen optou esta vez por ficar fóra do maioritario acordo. Como afirmou o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, é importante que isto non quede aquí, senón que este sexa o primero de moitos acordos orzamentarios a prol da Coruña. Por este Goberno local non vai quedar.

E permítanme volver ao making of, a como conseguimos aprobar con tanto consenso as contas municipais. Porque esa forma de actuar manda unha mensaxe de fondo moi potente, moi necesaria á hora de cumprir o noso obxectivo de sacar a Política das disputas partidarias para situala onde ten que estar, na mellora da vida da xente. Na Coruña xa sabemos onde nos leva o ruído e a discusión continua entre distintos: á paralización e a frustración. A empatía, en troques, xera prosperidade. Prefiro ver avances concretos sobre o Diario Oficial que zascas entre os perfís oficiais dos partidos nas redes sociais.

Un exemplo. Se estamos humanizando a rolda de Nelle, sen viaduto, é porque temos unha visión colaborativa e aberta do traballo do Concello, onde se pensa na veciñanza e non en sacar réditos para unhas cores políticas. As obras pertencen á cidade –que as sufraga mediante os seus impostos– non a ningún partido. Querer apropiarse do que pertence a todos e todas simplemente é vella política. Estamos a superala. Sen mesianismo, con traballo e Modelo de Cidade. Porque o máis valente non é berrar moi alto, senón ser capaz de facer algunhas renuncias para entenderte co outro e sacar adiante as necesidades da Coruña. Iso nos pediron as urnas en maio de 2019. Iso está facendo o goberno socialista. Para ben da cidade.

A valentía é chegar a acordos