Neutralidades que matan

Absterse ou votar en branco son decisións lexítimas. Pero non son, aquí e agora, decisións cívicas, decisións de cidadáns responsábeis. Galicia enfronta unhas eleccións nacionais decisivas, nas que nos xogamos afondar na depresión social, económica e política que presidiu a vida do noso país nos últimos sete anos e medio ou posibilitar unha alternativa plural que tente darlle a volta a un presente no que sobrancea o abandono do territorio e do medio rural, a emigración da xente nova máis cualificada, a falla de oportunidades empresariais e unha ferreña dependencia dun Madrid cada vez máis invasivo, recentralizador e monopolizante.
A pluralidade de opcións fronte á dereita é unha realidade. E, ben mirado, é unha oportunidade. Existe unha oferta variada que permite escoller cál é o matiz que cada quén quere privilexiar para lle dar o relevo á omnipresente dereita de Rajoy e Feijóo. En Marea, Compromiso, BNG ou PSdeG están por un cambio substantivo, malia que gradual e tranquilo, polas propias limitacións do marco institucional e pola dinámica dun goberno alternativo que terá que botar mán do consenso, da participación e da seducción social como ferramentas de traballo. Os candidatos principais son persoas honestas e competentes. Non son tolos visionarios. E semellan ser quén a traballar en equipa. O que se xoga o 25-S non é a revolución, nin a independencia, senón a posibilidade de executar un programa de goberno de ampla base, que mire polos intereses das maiorías sociais, que reactive en beneficio dos máis a economía, que use e amplíe o autogoberno como ferramenta principal do benestar e que se poña a traballar nos grandes eixos do noso futuro: ordenación territorial, política portuaria, innovación, sectores primarios, reindustrialización, acción exterior, afirmación da nosa lingua e cultura… Un programa de goberno plural, pero consensuado, realista, mais transformador, que poña en valor o traballo de ducias de milleiros de galegos con ideas e aptitudes. Que poña de vez Galicia na Europa e no mundo. Sempre haberá repunantes. Mais desta volta o que non vote que non veña chorando despois. Porque hai neutralidades que matan.

Neutralidades que matan

Te puede interesar