Non damos a batalla de Isowat por perdida

Unha empresa coruñesa recibiu días atrás encargos de Panamá e Angola. É unha compañía punteira con por volta de 100 traballadores moi cualificados. Está nun sector da economía altamente especializado. Os seus produtos incorporan un alto valor engadido. É unha firma arraigada na cidade: fai parte desde hai ben anos da súa paisaxe industrial.  E, porén, esa empresa está en serio risco de desaparecer. Esa empresa chámase Isowat. Como é posíbel que unha compañía que ten demostrado a súa competitividade nos mercados internacionais se ache nunha situación desesperada? Como é posíbel que o seu cadro de persoal chegase a acumular seis meses sen percibir o seu salario?

Alén de cuestións puramente xerenciais –dunha xestión empresarial basicamente orientada á especulación— as razóns deste paradoxo remiten para a acción das institucións: Isowat A Coruña é vítima da falta dunha política industrial merecente de tal nome por parte da administración competente na materia, a Xunta de Feixoo.

Vaiamos aos datos. O grupo propietario de Isowat dispuña de dúas plantas. Unha en Medina del Campo, outra na Coruña. A primeira saíu dunha situación tan dramática como a que sofre a factoría galega grazas ao goberno de Castela e Léon, que non só lle concedeu un préstamo de 10,5 millóns de euros a 10 anos –con tres de carencia–, senón que se implicou a fondo na procura dun comprador. Hoxe, Medina del Campo ten futuro, todo o plantel da antiga fábrica subrogado e está pronta para captar novos pedidos. O contraste con Isowat A Coruña non pode ser maior. Aquí a Xunta non moveu un dedo e non só non hai liñas de financiamento, senón que o director do Igape se lava as mans e alega, nun debate co deputado do BNG Xosé Luís Rivas `Mini`, que así funciona a economía de mercado.

Que temos entón que concluír? Que en Castela e León non funciona a economía de mercado e si a planificación centralizada? Non, máis ben o que temos que concluír é que a Xunta carece da política industrial que precisamos para pórmos en valor todas as nosas potencialidades.

Argumenta a Xunta que Isowat A Coruña ten unha pesada hipoteca con Abanca. Dacordo, mais non ten capacidade o goberno galego para negociar co banco do venezuelano Escotet algún tipo de quita ou de mora no pagamento dese crédito? É obvio que Abanca lle debe favores ao PP, por como o partido de Feixoo privatizou/espoliou as caixas galegas, así que non debería ser tan difícil chegar a algún tipo de entente que quitase a soga ao pescozo de Isowat A Coruña e dese viabilidade a unha empresa competitiva.

Non, no BNG non damos a batalla de Isowat por perdida. Daí que teñamos posto xa os alicerces para en 2020 se constituír na Coruña un Consello Económico e Social que dea un impulso á industrialización da cidade. Un axente que terme daquilo que a Xunta ten desatendido, o noso potencial industrial. Chamémoslle Isowat ou chamésmolle auxiliares de R. Nese empeño estamos e nese empeño continuaremos

Non damos a batalla de Isowat por perdida

Te puede interesar