ABANCA E O GALEGO

Algunhas persoas observarían este Nadal que a sinaléctica temporal das oficinas e máis a publicidade exterior da campaña de Nadal ían en castelán. E fontes oficiosas informan que tense decidido moi alto relegar o galego a un uso testemuñal. Abanca autoposiciónase no segmento da banca minorista e está a recuperar a cota de mercado que a Caixa fusionada chegou ter na Galicia. Isto é, quere fidelizar ás empresas e familias que facían parte da clientela das Caixas. É dicir, arela unha posición relevante no mercado financeiro galego. R xa demostrou, canda moitas outras empresas galegas, que a nosa lingua nunca resta e sempre suma. Suma con todos aqueles que a usan e cos que non o fan, pero a queren e valoran coma unha riqueza de noso. Suma o valor da diferenza, produto da identidade e da proximidade. A diferenza- o ADN que din os de R -, é esencial na elección dunha rede e produto. Máis aínda na banca, que xoga con factores de proximidade e territorialidade. E máis no caso de Abanca que se chama herdeira dese “sentir común” da clientela galega.
Usar decote o galego non lle resta nada a Abanca. Porque eses centos de extremistas absurdamente antigalegos non constitúen o seu público obxectivo. De certo serán xa clientes doutra entidade con sede no Madrid financeiro e nada contaminada pola galeguidade.
Galicia amosa unha práctica diglósica e certamente hai centos de milleiros de persoas que usan decote o castelán. Mais o uso das linguas na venda de produtos bancarios non é un problema do 50%, porque neste país todos entendemos e case todos aprezamos o galego. E para que Abanca poida vender galeguidade, proximidade, identidade e “sentir común” precisa apostar na súa publicidade., comunicación e sinaléctica polo galego como lingua de uso preferente. Outra decisión sería un grave erro  de marketing.

A ARRINCADEIRA : ISIDRO PARGA PONDAL
O Foro Peinador homenaxea o xeólogo e empresario Isidro Parga Pondal, profesor da USC entre 1922 e 1936, cando foi depurado. Demostrou que é posíbel facer ciencia de calidade na Galicia e, sobre todo, compatibilizar ciencia e empresa. Él estaría hoxe a nos advertir que recurtar en I+D+i é aceptar a pobreza, a dependencia e a mediocridade.

ABANCA E O GALEGO

Te puede interesar