Das deslealdades

|

Hai tormentas que se inician en vasos de auga, pero as proxeccións interesadas das súas sombras, acaban por facelas inmensas e convertelas en cicloxéneses explosivas. E despois hai torpezas, que interesadas ou non, acaban por facer descarrilar todos os razoamentos. Motivos de seguridade extrema e de adecuada conveniencia, aconsellaron a non asistencia do Rei a un acto en Barcelona. Evidentemente é unha competencia do Executivo e sempre baseada en estudos  de análise de situación e de oportunidade. O Poder Xudicial manifesta a súa sensación de agraviado e o Consello Xeral do Poder Xudicial, formada por unha parte importante de xuíces que tiñan que estar renovados fai moitos anos, aplícanse a aquelo de que o falar non ten cancelas. E o presidente  Lesmes comenta publicamente unha conversa privada co Rei. Unha acción de manifesta deslealdade con Felipe VI e coa que pretende, tirando por elevación, meter o dedo no ollo ao executivo de Sánchez. Non se airean conversas privadas co Rei, como ben ensina Walt Disney no Libro da Selva, o prohibe a ordenanza. Dende o Goberno se lle solicitou un cambio de data para a entrega de despachos, e estes negáronse en redondo a contemplar tal posibilidade. O que non casa co principio de cooperación leal e no que se evidencia unha clara intencionalidade. Tamén o Rei pasouse tres montañas. E a mesma cortesía que utilizou como escusa para a conversación telefónica, debera de tela aplicada coas demais Institucións do Estado. O Rei ten que amosar unha manifesta neutralidade e por suposto, evitar os furacáns. Especialmente, os que son tan interesados coma infundados.    

Teño as esperanzas invadidas de outono –díxolle El– dese asombro emocionado das paisaxes que perden  intensidades e gañan  cromatismos. Hai escusas amplas de escuridade que aconsellan viaxes cara a ningunha parte. Hai palabras que dende sempre anunciaron invernos...

Das deslealdades