A lingua dos defuntos

|

os preto da catro milleiros de cemiterios que enchen a xeografía do país verán alterada a tradición na que, neste ano de pandemia sanitaria por causa do galopante contaxio vírico, os horarios e outras limitación condicionarán o xeito de honrar a memoria das persoas que neses camposantos conforman a “parroquia dos mortos”, en atinada denominación antropolóxica para facer ver a súa conexión fundamental como parte inseparábel da parroquia dos vivos, herdeiros do seu legado material e inmaterial. Porén, situados nun hipotético futuro no que os xeitos de pescudar no pasado fosen da mesma maneira na que actualmente se procede na técnica arqueolóxica para investigar unha antiga civilización, se ollamos para o idioma no que se amosan lápidas e outras gravacións funerarias, menos dun dez por cento do total, non poderían saber da lingua, e por extensión da cultura da que é cerna, da colectividade representada nese espazo de memoria.
É unha anomalía que se agranda ao ver que no resto do proceso que constitúe o rito funerario, sexan as necrolóxicas publicadas, o idioma empregado na cerimonia relixiosa e mesmo nos lemas que acompañan ao presente floral, por unha incomprensíbel razón que non se pode xustificar polo loito da perda do ser familiar, a presenza do galego é ínfima e absolutamente incoherente coa lingua falada pola persoa finada ou a que pode escoitarse de forma extensa no velorio do cadáver.
Para frear esa renuncia á lingua propia, precisamente no tránsito da vida á morte, nos dous últimos decenios a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vén anticipando o Día de Defuntos, antecedente popular de referencia propia para celebrar festa na lembranza dos devanceiros antes da importación do Samaín de utilización escolar e lúdica, coa conmemoración do Día da Restauración da Memoria Lingüística en colaboración con concellos que simbolicamente colocaron unha placa na porta de entrada aos cemiterios “na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a eles Galiza segue a ter cultura e lingua de seu”. 
Acto complementado moitas veces coa campaña “En galego, agora e sempre”, publicacións e libros de participación colectiva nos que a xeito de mandas testamentarias as persoas que neles colaboraron fan un chamamento á responsabilidade social e institucional orientada a “gañar o futuro para lingua galega, garantindo a súa transmisión aos nosos descendentes como elemento central do noso patrimonio cultural”. Sen difusión e uso, as linguas tamén morren.      

A lingua dos defuntos