Nos últimos días os tres xigantes da banca española (BBVA, Santander e Caixabank) coincidiron en desacreditar a opción do Fondo Gugengheim para a adquisición de Novagalicia polo seu suposto carácter especulativo, cando o certo é que constitúe a única oferta viábel para salvar o emprego, a marca e unha oferta propia de servizos financeiros que limite os efectos do oligopolio bancario. De todos os xeitos, resulta chocante esa crítica cando o BBVA e o Santander son propiedade na súa maioría de fondos e investidores internacionais.
A fachenda destes xigantes bancarios contrasta coa realidade, na que a banca española non cumpre coa súa función social e económica. Recibe do Banco Central Europeo (BCE) a baixo custo inxentes cantidades de recursos que logo presta caro ao sector público e desatende a demanda das pequenas e medianas empresas. Malia que xa non vendan preferentes siguen a presionar ao seu persoal para que comercialice entre a xente común renda variábel e outros produtos pensados para investidores e non para minoristas. E obrigan aos seus empregados a traballar longas xornadas sen lles pagar por elas.
As recentes absorcións saldáronse coa perda de centos de postos de traballo. Nomeadamente significativos foron os danos xerados pola absorción do Pastor polo Popular, tanto para os clientes como para os empregados. Mais tamén a absorción do Banesto polo Santander produciu un sensíbel recurte do emprego.
A concentración bancaria exclúe dos servizos financeiros a milleiros de familias e pemes. Velaí a necesidade de que a oferta de NCG Banco siga a existir independentemente dos outros operadores bancarios. E a conveniencia de garantirmos un instrumento financeiro da Xunta pensado para a mediana empresa. Un Instituto Galego de Finanzas que absorbese Xesgalicia e ao inoperante Igape actual e que actuase no ámbito da Banca corporativa.
Hoxendía a banca privada española no cumpre coa súa función económica e social. Polo menos na Galicia.