XENTA NA NÉBOA

|

OCrisanto de Parga era un troiteiro de sona que vendía as troitas polas casas da aldea antes de saír para o río. Só pillaba as que tiña encargadas, nin unha máis. Non cabe dúbida de que era un ecoloxista, un adiantado ao seu tempo. Pinchapinos era o mestre daquela primeira escola que eu coñecín. Seica un exclaustrado da República, o que nunca puiden saber é de onde lle viña o alcume. 
O antigo edificio da escola é coñecido agora pola Casa Habanera, supoño que como homenaxe aos emigrantes que doaron os cartos para a súa construción. Un bo día chegou, ao café de Bienvenido, sobre as catro da tarde, un crego moi ben traxeado con sotana, manteo e tella. Sentouse nunha mesa e pediu café e copa. Un run run que empezou no café estendeuse axiña por todo o pobo pero, cando chegou o comandante do posto da Garda Civil, o crego xa desaparecera. O café e a copa pagounos deixando debaixo do mantelo un billete de cinco pesos cunha nota que dicía, “así paga Foucellas”.
Falando de cregos, recordo tres por aquel tempo na parroquia, un era monseñor Pita da Veiga aquel que lles berraba aos fregueses, con voz de trono, dende o púlpito,“ a ver cando caso a dous, que estou farto de casar a tres”. Outro era o Brechas, un velliño moi engurrado, sempre vestido cunha sotana moi vella e descolorida, que tódalas tardes antes do Rosario paraba na casa do habaneiro onde miña avoa Dona Camila lle daba a merenda. 
O terceiro, párroco de Guitiriz durante moitos anos, era Don Manuel Bande, el foi o verdadeiro artífice da igrexa nova no campo da feira. Seica está soterrado ao pé do altar por vontade propia.
Milhomes era un homiño que non chegaba ao metro cincuenta. Moi espelido e falangueiro, polo vrau andaba ás maletas dos augueiros na estación do tren. Non sei de que vivía o resto do ano.
Basilio, de alcume o Roxo, era o borracho do pobo. Seica fixera a guerra no bando republicano. Un bo día pillou unha chea e coa bebedeira botouse a durmir no prado de Leirón onde o atoparon morto, disque de pulmonía. Esa foi a versión oficial. Aquí remato con esta escolma de homes e mulleres que dun ou doutro xeito arrodearon a miña nenez. Penso que moita xente en Guitiriz aínda os recorda. Moito me prace rescatalos da néboa.

XENTA NA NÉBOA