DE INQUINAS E INSIDIAS

Ata nos mellores cultivos medran malas herbas. Nas sociedades e nas organizacións onde hai mestura de interés e de intereses hai herbas de toda clase e condición. Hai quen asume a súa nova situación (sociopolítica) con resignación democrática (ou cristián) e hainos que, armados coa mentira e moita inquina, tentan sementar enganos, bulos e maledicencias, provocando así preocupación no resto da sociedade e nalgúns casos moi diversos medos baseados na fin do mundo coñecido e moitos apocalipses xuntos mais.
Nada hai tan contaxioso como a maledicencia, a mala fe ou as falsedades repetidas, disparadas con certera intencionalidade. Como se o triunfo debera corresponder sempre aos dun lado, por imperativo legal ou por designio divino. Ou como se só algúns tiveran a capacidade natural para facer cousas boas e os outros foran, por definición, malos malísimos. Os cambios de gobernos destas datas foron para moitos o caldo de cultivo axeitado para manchar e ferir a boa fe de moitos cidadáns. Manipula que algo queda, semellou ser o slogan favorito dos que manexan habilmente as armas de engano masivo, contaminando o ánimo e a esperanza dos que, durante moitos anos, soñaron con facer real a luz da terra prometida.
Hai moitos que tan só son respetuosos cando gañan os deles e que quedan liberados de “tamaña obriga” cando son os demais os que ostentan a dignidade municipal democraticamente outorgada polo pobo. Hai enfermidades que so curan co tempo. A confianza é unha froita que madura moi a modiño, pero precisa moi poucas inclemencias para podrecerse completamente. Tempo ao tempo. Que sexan os acertos ou desacertos dos novos gobernantes, e non as mentiras intencionadas dalgúns os que diten sentenza e inclinen a balanza.

DE INQUINAS E INSIDIAS

Te puede interesar