Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Unha empresa privada concesionaria dun servizo de titularidade municipal non pode chantaxear impunemente o concello da Coruña, moito menos utilizando o cadro de persoal, as traballadoras e os traballadores, como reféns nunha práctica que non cabe máis que cualificar de mafiosa. Mais iso é o que está a acontecer con Albada, a compañía en mans dun fondo de investimentos chinés que xestiona a planta de tratamento de residuos de Nostián, na súa relación co concello. E é xa moita hora, como tamén están a pedir as traballadoras e os traballadores, de que o Goberno local reaccione e adopte unha postura de firmeza, co propósito de defender os intereses non só do persoal da empresa, senón do conxunto das coruñesas e dos coruñeses.

Repasemos os datos deste asunto. O Goberno local anterior non deixou os deberes feitos e a concesión de Nostián vai caducar a 1 de xaneiro sen que se activase o procedemento para o seu relevo, en tempo e forma, por outra concesionaria. O Goberno local actual tampouco está a acelerar como debera a tramitación do novo concurso. No medio, Albada, sen ningún tipo de disposición ao diálogo, ameaza a traballadoras e traballadores cun ERTE que afectaría o 40% do cadro de persoal e anuncia tamén a súa vontade de interromper o servizo que até agora viña prestando aos concellos do Consorcio das Mariñas. Teñen toda a razón as operarias e os operarios da planta cando indican que esta non pode funcionar adecuadamente se se consumaren os despedimentos. O colapso estaría servido.

O concello está plenamente amparado pola lei e polo propio prego de condicións do contrato. Aínda que caduque o prazo da concesión, e mentres non se resolver o novo concurso, a empresa está obrigada a manter a prestación dos seus servizos, pola súa obvia utilidade social, nos mesmos termos en que o viña facendo até o de agora. Isto implica necesariamente que non pode cortar de forma unilateral a súa relación cos concellos do Consorcio das Mariñas e que, consecuentemente, Albada en ningún caso estaría lexitimada para promover un ERTE masivo na planta.

E que pode facer o concello se Albada teima en non cesar na súa actitude chantaxista? Pois aplicar as propias previsións do prego de condicións e intervir a planta.

Iso é o que responsabelmente ten que facer o Goberno Local, nun proceso que ten que ser liderado pola alcaldesa, e iso é o que o BNG vén de plantexar esta semana. Tempo haberá a partir diso para reflexionar sobre que modelo de tratamento de residuos convén á cidade –desde logo cómpre recuperar o espírito inicial de Nostián infelizmente truncado co paso do tempo e ollar para modelos xa en marcha como o de Pontevedra – e tempo tamén haberá para analizar a pesada hipoteca que en moitos casos significa que servizos de titularidade pública estean xestionados por grandes conglomerados empresariais privados que antepoñen sempre o lucro ao interese social