Chuvias sen mortos

Hai que dar grazas e ofrendas ao deus que corresponda a cada quen de que Galicia non sexa Indonesia, Tailandia ou Filipinas por que cada vez que chove no haxa que lamentar vítimas persoais, como se di agora. Polo menos iso é o que se pensa desde a Xunta tras o caos sufrido o pasado luns na maior parte do territorio galego coas as primeiras caídas copiosas de auga da tempada outono inverno.
O feito de que neste territorio chova, orballe, penisque... non é novidade, porque sucede todo o ano, pero sempre é noticia que haxa inundacións, como se estivésemos nas chairas da saharianas. Por exemplo, hai escasos dous meses abriuse ao tránsito ao desdobramento duns quilómetros da nacional sexta entre o lugar do Seixal, famoso pola sala de festas homónima, e O Carballo. Esta reforma está feita a todo luxo con asfalto de primeira calidade, medianas de cemento chachi e todo guai e resulta que o primeiro día que chove en condicións convértese nunha piscina porque a ninguén se lle ocorreu que había que drenar a estrada.
Así que centos de coches sufriron freadas de emerxencia ao ter navegar por aquel pequeno océano, con risco lóxico para a circulación. É que nalgúns casos cinco centímetros máis de tubo poden evitar unha catástrofe, que aquí si que ten nomes e apelidos os seus causantes, non como noutros casos.
Cando o Ministerio de Fomento, concello, deputación, Xunta ou ente abstracto realice unha obra pública e neses carteis tan grandes de propaganda e de autoría que sitúan meses antes de comezar a traballar, ao lado da longa lista de números que conforman o prezo da acometida habería que escribir o nome do arquitecto, enxeñeiro ou deseñador da obra, así como o seu lugar habitual de residencia. Non me cabería na cabeza que un ser galaico trace rúas sen canalizar a futuras augas e se ten que pór menos diámetro de cano que aclare quen foi o político que lle ordenou reducir aí os gastos.
No proceso de descastamento galaico tamén se está perdendo a cultura do chover, da vida baixo un manto completo de auga celeste, así que non é de estrañar que cada vez haxa máis inundacións en baixos e garaxes e que a rede de sumidoiros non sexa capaz de evacuar todo o caído de ceo.
Sempre houbo precipitacións que se pasaban da raia ou do nivel máximo permitido, pero os antigos galaicos foron buscándolle solución, e así repensaron onde construír as súas vivendas, mentres que os actuais non se lles acorda que chove de tanto ir a pasear a Madrid. Menos mal que polas terras galegas aínda non hai mortos polas riadas.

Chuvias sen mortos

Te puede interesar