Víctor Rodríguez, en Monty4

Víctor Rodríguez (Vigo, 1981), enxeñeiro industrial , descubríu un día a súa vocación de artista plástico e pasou polo estudo de Mingos Teixeira, polo Ciec de Betanzos e pola Escola de Artes e Oficios de Vigo. Agora trae á galería Monty4 a obra Ancoradoiro, na que parece pedir recunchos de acougo e. que ven a ser o contraponto da mostra anterior:: “Cosmorama”, onde debuxaba un mundo aberto ás vastedades. 

En composicións que se poderían clasificar dentro da tendencia do expresionismo abstracto e do informalismo, os xéneros tradicionais da paisaxe e do bodegón sérvenlle de pretexto para a creación de obras abertas, evocadoras, nas que conta o pulo creador, a liberdade da mancha, a intensidade da materia, a levidade viaxeira da liña, a paixón do trazo, os xogos de harmonías e contrastes da cor e as acaídas suxerencias do collage. Con eses medios, que son os do verdadeiro pintor, produce encontros e choques, dinamiza direccións, inscribe enerxías que vagan polos espazos que traza a súa man na percura da ancoraxe, dese peirao de acollida, no máis estricto sentido simbólico, onde repousen as inquedanzas que bulen no seu maxín. Así, máis que reproducir o coñecido, inventa lugares de concentración de forzas e formas, en axitación ou en repouso, que se poden nomear como nubes, augas de baías, barcos, mástiles, resoles de solpor, casiñas mariñeiras, ceos, horizontes, camiños..., ou todo o repertorio posible de configuracións. 

Pero o que importa non son as cousas concretas, senon todo ese innomeable mundo do imaxinario; importa o que se adiviña o que se soña como danza cromática; importa ese viaxe da man afervoada trazando rutas e deixando marcas; importan as pegadas da materia que se fai e se desfai en imparable dialéctica; importan as luces que, de pronto, vibran alporizadas e logo fúndense no gris, esvaécense mestúranse; importan as fendas, os ocos dos encontros, as fírgoas polas que pasa o aire; importa todo ese envolvente e aparente caos que crea niños ou berces despois da procelosa viaxe. O cadro testemuña dos anacos, do esgazamento, do desgaste da memoria, das lembranzas que se van esfarelando o mesmo que o fai a luz; desta maneira, o do tempo da vida é deborcado no tempo da creación, no acto de pintar no que a man serve de medium para o fogo do espíritu. O cadro é ese Ancoradoiro que da título a exposición, esa terra da promesa que recolle a paixón e o pathos de existir nun tempo e nun lugar. Así, as obras “Porto”, “Galerías”, “Ría de Ares”, “Vila”, “Norte” ( i este mui especialmente) trazan as coordenadas das propias vivencias, traducidas a un apaixoado alfabeto plástico de azuis, laranxas, ocres, vermellos, verdes, grises, marelos, violáceos..., en constante vaivén. 

Así, a paisaxe de Víctor Rodríguez convértese en paisaxe da alma, ansia desdebuxada de irregulares contornos, invento dos días abeirados do alén, testemuña do pasar e gozo de ter unha terra, un norte, unha orela na que botar áncoras: o sempre renacido e irisado territorio da invención creadora.

Víctor Rodríguez, en Monty4

Te puede interesar