Saír a gañar o partido

Oanticipamento electoral para o 5-A decidido por Núñez Feijóo sorprendeu sen facer os deberes a todas as forzas políticas-agás en parte ao BNG-. Malia esta avantaxe inicial non foi unha semana positiva para o do PP, disturbado por unha progresiva conciencia cidadá de estar a sofrir unha grave deterioración da sanidade pública (velaí a potente demostración popular do pasado 9-F), as moitas sospeitas que xera a legalmente moi dubidosa fichaxe da ex conselleira Beatriz Mato por Greenalia e máis a incomodidade do prendemento do director de Pemex que asinou a merca do 51% de Barreras pola mediación da Xunta.
É posíbel que o dos Peares repita a maioría absoluta, mais non é o máis probábel, porque Vox quitará non tan poucos votos e seica Cs, como forza estatal, non ature doadamente a súa desaparición das mesas galegas. Sempre, abofé, que a oposición actúe con intelixencia e non presente máis candidaturas ca as dos espazos PSOE, a esquerda estatal de Podemos e EU e máis a soberanista galega que nuclearía o BNG. O 5% de limiar que lexislou Fraga no 1993 funciona deste xeito. Se hai tres candidaturas nos eidos do centro-esquerda é probábel substituir Núñez Feijóo o 5-A. Se hai catro ou cinco o actual presidente quitará outravolta a absoluta.
Presentar unha candidatura soberanista distinta á do BNG suporá a irrelevancia da falla de representación parlamentaria, colaborando eficientemente á maioría absoluta popular ao fragmentarmos o voto. Mais este axioma non habería agachar a necesidade de que o BNG integre a pluralidade do soberanismo galego, consciente da existencia de milleiros de persoas neste eido alleas á fronte para i) evitar efectos desta caste e ii) constituir unha alternativa soberanista, interclasista e transversal que sexa quen de quitar unha representación que mesmo poida achegarse ou sobardar a do PSdeG, cualificando a participación galeguista nun futuro Goberno galego.
O soberanismo externo ao BNG está constituído polos partidos nacionais En Marea e CXG, pola plurimunicipal Terra Galega, por varias candidaturas locais (varias con alcaldías ou pasadas alcaldías) e por centos de persoas independentes. Por si propios son irrelevantes, por xunto son moi importantes para estruturar a máis potente alternativa que pode formular o soberanismo galego.
Na política compre a prudencia. Mais tamén, cando compre, a afouteza. Nas ligas onde gañar engade tres pontos e empatar só un compre sair a gañar o partido.

Saír a gañar o partido

Te puede interesar