Dos límites do soportable

|

Finalmente o Goberno Central tomou as medidas que tiña que tomar na Comunidade de Madrid. A cogobernanza non serve para quen o único que pretende é acabar co goberno de España e todo lles vale para intentar conseguilo. Que Ayuso e o PP queiran irresponsablemente xogar ao frontón coa saúde dxs madrileñxs, pode quedar na súa conciencia, pero nunca xustificaría a inacción do Goberno de España. E Sánchez e Illa volveron a estar a altura. Está perfectamente claro que a Saúde é a prioridade, e que non pode haber economía se non hai saúde. Non é de recibo que Ayuso e a cúpula do PP inventen teorías da conspiración que deixa o termo paranoico a un baixísimo nivel. Pero tamén roza xa o límite do soportable, que unha lexión de corifeos, tertulianxs e opinadorxs, dende as máis diversas tribunas dos medios de comunicación, solten a cano libre o argumentario popular con todo tipo de barbaridades, manipulando a realidade con mensaxes envelenados, retorcidos e falsos. Parten da base errada de que a cidadanía non pensa por si mesma e inventan estratexias que non soportan a máis leve proba do algodón. Non é soportable que nin nas situación de crise saiban estar onde son necesarios, nin priorizar no prioritario. Non se pode confiar nos que queren sementar caos en vez de resolver problemas. Nin nos que minten a sabendas por criterios partidistas. Tampouco nos que visten cada día de cordeiros, coma Feijoó dende Galicia, e poñen a máscara de lobo a tempo parcial para defender o indefendible. A incompetencia e a neglixencia son tamén un efecto secundario da pandemia.

O tempo vai salvando acantilados e reparando os pasados amplos e as feridas fondas dos camiños –dixo El– rebaixando o azul intenso dos ceos que pisamos. As veces van medrando desmemorias... acaso somos estacións onde só se sinalaran direccións de partida... 

Dos límites do soportable