CULOT

“Culo Tonto”, pero para abreviar dicíamoslle “Culot”, era un nacho de Ferrol que estudaba cando nós en Santiago. Levara semellante alcume, inventado por outro ferrolán, mozo aplicado e con moito enxeño, veciño da xeitosa rúa Huertas, pola curiosa morfoloxía do seu “derriere”. “Culot”, en fin, non soamente era un carca senón que o semellaba, en modais e actitudes prepotentes, tan clásicas na España cañí; unha vela á Macarena e outra a Don Diñeiro.

Algo así “Culo Tonto”, quen dera na manía de ir ás manifestacións de estudantes, pero non para participar nelas senón para ollalas desde lugares seguros, e escarallarse a risa (dicía) para ver como os “grises” mallaban neles. Ata que un día trabucou os seus cálculos pois fora ver aos manifestantes que cortaban o tráfico no paso de cebra entre o Derby e o Compostela subido nas escaleiras de entrada a este hotel, coa idea de entrar nel se as cousas viñan mal dadas. Erro de cálculo. Os manifestantes fuxindo da carga policial tentaron facer o propio dando con “Culot” no chan. Quen así resultou atropelado por varios dos que fuxían. Pero tamén zorregado polas porras policiais que ata alí chegaran.

Días despois “Culot”, miñaxoia, semellaba un “Ecce Homo”, un ollo á “virulé”, a faciana morada, un brazo dislocado e o peor de todo, dicía el, sen o reloxo de pulseira que alguén lle roubara aproveitando a confusión. Quen llo levou nunca se soubo. Que a río revolto etcétera, etcétera.

CULOT

Te puede interesar