Os sobres e os votos

|

Axustiza dirá ate que punto considera que o Partido Popular vulnerou a lei, pagando sobresoldos aos seus cargos políticos e institucionais con cartos procedentes das empresas. Mais, para alén do que os xuíces podan tipificar como delito, o que resulta evidente e moi grave é que as súas opinións e medidas estiveron condicionadas polos empresarios que enchían de cartos os sobres cada mes. Ou sexa, a vontade dos electores perdeu valor, ficou nun segundo plano en relación cos grandes grupos económicos e empresarios amigos que participaban de tan xenerosas contribucións ás arcas do partido. Non é unha eiva menor, nen un tema secundario, porque cuestiona de cheo a democracia representativa, na que os sobres pesan máis que os votos.
Aínda que estes feitos saíron agora á luz, se cadra porque a crise agudizou as contradicións sociais máis tamén as que existen dentro das clases dominantes e as forzas sistémicas, o certo é que o acomodo dos cargos institucionais cesantes en postos de dirección das grandes empresas, con salarios astronómicos, deixaba ver a punta do iceberg hai tempo. Resultaba evidente que había boas relacións, complicidades. Os casos máis soados foron os de Felipe González e Aznar; o primeiro contratado por Gas Natural e o segundo por Endesa. Agora ben, todo parece indicar que son as empresas ligadas á construción e aos servizos públicos as que están máis leadas no “pago de favores” pola obtención dos desexados contratos. E este último aspecto inxire un novo problema, xa que estas prácticas impiden que as empresas compitan en igualdade de condicións.
Son dos que penso que non existe ningún sistema perfecto. Mais os que predican o individualismo, gaban a cobiza e alentan a resolución das diferenzas impondo a lei da selva, terminan recollendo como un furacán o que predican.
Cómpre, polo tanto, revalorizar a solidariedade, a xustiza, a democracia, e a identidade colectiva. Non é verdade que todos e todas os políticos obren igual, hai os que dan a vida polos demais e outros que consideran a política como unha profesión. Debemos analizarmos máis polo miúdo os programas, a historia e a praxe de cada partido

Os sobres e os votos