Das loitas permanentes

Moitas veces, aínda hoxe, aquilo da igualdade e a fFraternidade sona un tanto a aquelas vellas utopías de finais do século XIX. Agora que estamos no 91 aniversario da morte do líder socialista Pablo Iglesias, aqueles valores revolucionarios que cambiaron o mundo e a historia seguen a ter a súas crises. Dentro do Partido Socialista evidentemente, pero tamén fóra del. Asistimos a unha cerimonia da confusión no seo de Podemos, onde o outro Pablo Iglesias establece unha loita encarnizada entre bandos para facerse co control (someternos di Errejón) do partido, tanto no debate de ideas como das caras que deben levar adiante o proceso. Uns 300 cargos representativos apoian os receos de Errejón. Non é a primeira crise, pero tampouco será a última. Vivir é un conflito permanente.
No PSOE, Sánchez cabalga xa sen escolta pola España plural e diversa, recollendo uns apoios que nin Felipes nin Susanas poderían imaxinar. Os baróns seguen a regalarlle a orella a Susana Díaz e Susana a deixarse querer sen querer nela. Semella que a fractura entre bases e baróns é maior que a fosa atlántica, sen deixar de medrar. As xestoras non convocan congresos, síntoma evidente de que queren arrefriar unha situación aínda demasiado quente e contraria aos seus intereses.
Na loita contra a desigualdade aínda horrorizan as estatísticas da violencia de xénero... escenas brutais como as imaxes dunha muller arrastrada polos pelos nun portal e os asasinatos incesantes. Poñen os pelos de punta os comentarios dos xoves referidos ao control de como visten ou como se pintan ou con quen falan as súas parellas... unha regresión machista inesperada, que evidencia que queda moito máis camiño do que sempre pensamos.

Das loitas permanentes

Te puede interesar