Dous múltiples decesos

|

Foi unha dura semana de decesos. Richard “Tiburón” Kiel, o famoso malo das pelis de James Bond, con aqueles dentes de aceiro que metían medo, causou baixa neste val de bágoas. Tamén Emilio Botín, un dos grandes do mundo da Banca internacional, deixou este mundo.  
Botín nunca precisou deses grandes dentes de aceiro para amedrentar  ao persoal, os dentes de serra dos balances do seu negocio inspiraban tamén terror nos seus accionistas e endebedados. Algúns dos pasamentos son especialmente duros. 
Exemplo: a selección española de Baloncesto, que deixou a euforia habitual creada polos nosos xeradores de opinión, ao chocar co muro da dura realidade de que non só de titulares vive o home, se non de esforzo, planificación, humildade e táctica. Pasamos de esperar a USA na final a que na final estean todos menos nós. 
No político, destaca a renuncia a seguir de Ana Botella. O sacarse do medio como recurso aconteceu, unha vez comprobado que os seus apoios para liderar o proxecto, caben nunha cabina de teléfonos. Ninguén contaba con ela. 
Pero non é menos sorprendente, o intento de resurrección da ex Presidenta , Ministra,  fuxitiva da Policía Local  Esperanza Aguirre, que sen encomendarse ao Deus Rajoy ou ao demo neghro de Gallardón, asoma de novo rememorando o famoso spot do Mono Burgos sacando a cabeza dun sumidoiro, co lema inesquecible  do volvemos a primeira  (división). Nunca segundas partes foron boas. 
Cospedal quere sacarse do medio a Soraya Saenz de Santamaría. Guerra a  morte, versus  manobras na escuridade, para cortarlle o que sexa e reinar en solitario. Cospedal, case afundida por Bárcenas e os seus apuntes contables, busca desesperadamente regresar ao Olimpo de Rajoy. A concordia causou baixa no PP.

Dous múltiples decesos