A nova mente

Recordo unha greve de estudantes, aínda que non lembro o motivo, que se converteu nunha asemblea permanente. Alí estábamos centos de universitarios metidos nun salón debatendo que facer entre votación e votación, como tanto parlamentarismo xa cansaba, finalmente decidiuse votar para non votar máis e pór en mans dun comité as chamadas medidas de presións e que establecese un calendario de mobilizacións.
O grupo de Beiras vai polo mesmo camiño. Van decidir en centos de asembleas e en ducias de referendos o que van facer da súa vida política nas eleccións europeas. Está claro que ir de aliados co BNG sería unha contradición, porque iso de marchar para volver non parece moi serio e o resto de aliados están en territorio extragalaico, algúns en lugares tan afastados como Valencia, que case hai que mirar no mapa para saber por onde cae. Por certo, aínda non transcendeu unha simple pregunta no Congreso do socio de Anova nin sequera interesándose polas rías e o seu malestar ou pola PAC.
A nova mente política de Anova dá impresión de que anda perdida entre o nacionalismo e o españoleirismo nas próximas eleccións europeas, que a pouca xente lle interesan. Ao final acabarán pedindo a abstención, que suma moitos máis votos ou aliados co partido pirata. O que é preocupante é que o partido de Beiras chegue ao mes de maio en pleno proceso de referendos internos, sobre todo se teñen que votar cada fin de semana algún punto de programa electoral. Como elemento integrante do censo, gustaríame ter tempo para estudar os seus puntos básicos e non encontrarme con alíneas pendentes de aprobación.
Os escindidos do Bloque teñen unha papeleta electoral complicada se ao final regresan ao seo da fronte nacionalista. Para iso era mellor un asalto ao poder desde dentro que lanzarse a aventuras con partidos internacionalistas, como aconsellaron no seu momento certos integrantes que tamén acabaron fuxindo.
Mentres se resolve o futuro europeo de Anova ten outro problema colateral, que se di, que é o caso de retomar as súas relacións cos comunistas no Parlamento galego, despois de que Beiras en un arrebato de democracia decidise non vetar a entrada da deputada de EU. Tamén só faltaba que o histórico dirixente se convertese en garda de seguridade no Hórreo para controlar as entradas e saídas e máis tendo en conta o perigoso do posto, porque sempre hai señorías dispostas a atropelar vixilantes por unha praza de aparcamento, que xa sabemos que son moi desexadas en hora punta.
En calquera caso, a ver como resolven a polémica da deputada díscola, como é coñecida, entre os dous socios de AGE, porque o resto de integrantes da coalición non pintan nada. Se cadra se soluciona con outro referendo.

A nova mente

Te puede interesar