Galego, creación común

|

Galego, a nosa creación común. Inspirado no poema “A fala” de Manuel María, velaí o lema escollido para o Correlingua. Eficiente movemento de base formado por educadores e alumnado que, neste mes de maio no que concentra a máis grande atención social coas cousas do noso idioma, bótase á rúa coa forza da reivindicación e da esperanza, propia da xente nova, por un futuro mellor para a nosa lingua, que ten acesas as luces vermellas de alarma á vista das enquisas que mostran unha diminución de galegofalantes.
É xusto darlle parabéns e recoñecemento ás entidades promotoras deste proceso de dinamización lingüística entre a mocidade. Asociacións pedagóxicas, sindicatos, entidades impulsoras do proceso de normalización da lingua e concellos sensibles á súa responsabilidade co patrimonio de base inmaterial que nos outorga personalidade colectiva, propia e diferencial, e sitúanos no mundo con identidade singular.
As carreiras polo idioma que percorrerán doce localidades importantes do país traen tras de si un traballo intenso que nace co comezo do curso no que se publica o lema e principia o proceso de inscricións nos concursos que fan atractiva esta iniciativa, en clave de usos e tendencias xuvenís. O vídeo, o cantalingua e o manifesto que, nesta ocasión, premiou aos escolares do CPI de Pontecesures, bokaneiros e bokaneiras que se comprometen “mover pedra a pedra, percorrer vales e montañas, subir paredes e furar na terra para sacar adiante a causa do galego”. Imparables, con eles vai a confianza nas “mil primaveras máis para a lingua galega” dunha fala milenaria. Achegas dun alumnado que elabora a súas propostas no marco dunha reflexión interiorizada sobre a situación do noso idioma, acadando que sexan capaces de crear os seus propios argumentos para defender o seu uso e promoción.
Paixón polo galego que ten o seu punto negro nesa estrada chea de buracos que é a política lingüística da Xunta e do PP que vén de negar a necesidade de elevar a rango de lei o Plan de Normalización aprobado por unanimidade polo Parlamento. Van alá dez anos dun consenso que Feijóo esmendrellou, provocando que a nosa lingua sexa a única, no Estado, que perde falantes.

Galego, creación común