A cabalgata da pandemia

Cabalgata, conxunto de carruaxes e persoeiros que neles pasan desfilando con motivo dalgunha festa ou celebración, nomeadamente no caso da dos Reis Magos que neste ocasión, por causa da vaga do contaxio vírico, viu radicalmente alterado o seu xeito de presentación habitual para ser axustado ás necesidades sanitarias do momento, con máis ou menos acerto que niso é certamente discutíbel se houbo tino nalgún dos casos pola imprudencia amosada en imaxes que transcenderon alén da nobre previsión dos organizadores. Con todo, aquí tiramos do simbolismo dun xeito de presentar a maxia feiticeira duns personaxes bíblicos que torna a ser unha metáfora dos tempos actuais. Velaí o mundo asolado por unha situación pandémica que, malia toda a tecnoloxía e cálculo previsor das axencias científicas e da intelixencia civil e militar consumidora de grandes recursos orzamentarios, pillou nas pataca á humanidade toda. Xurdiu, chegou a nós e instalouse de forma avasaladora e con ela o medo ao descoñecido, a ansiedade psicolóxica, a angustia ao que virá e unha crise económica e social de dimensión incalculábel e dramáticas consecuencias na que aínda non se ve a luz ao final dun túnel que semella ser interminábel.

Así e todo, resultando evidente que non se aprendeu nada ou moi pouco da situación que estamos a padecer e na que, continuamente, estamos repetindo os mesmos erros, fallando na aplicación de medidas ditadas polo “sentidiño”; si que hai profesionais que deron, e continúan a dar, toda unha lección de servizo solidario e altruísta en favor do interese común. Xente que forma unha comitiva simbólica de persoas con poderes máxicos que dotan á cabalgata figurada da esperanza que se ten posta na vacina da inmunidade fronte ao contaxioso virus, nacida do esforzo compartido na comunidade científica internacional que foi quen de superar o interese egoísta e calculador do negocio mercantil, alén do rendemento que producirá aos laboratorios que están a gañar a carreira na produción das primeiras doses ao dispor dos servizos sanitarios. 

Xustamente, son eses profesionais na medicina, enfermaría, e resto de funcións sanitarias que caladamente traballan para curar e facilitar medidas de previsión que freen contaxios, os que demandan coa súa entrega incansábel e compromiso modélico, unha aposta estratéxica de futuro por dotar de máis recursos, económicos, humanos e tecnolóxicos, á sanidade pública verdadeiro muro de contención contra a pandemia. Ocupan o carruaxe principal no agradecemento popular. Por sorte, aínda moitos máis profesionais agrandan esa cabalgata meiga.

A cabalgata da pandemia

Te puede interesar