Reflexión en clave de sol

reflexión, substantivo feminino, para o dicionario da nosa Real Academia Galega é vocábulo que expresa dúas cousas ben distintas, en certo modo enfrontadas e á vez, nunha certa alquimia de mutación, en total sintonía e absolutamente complementarias.  A comezar, no que atinxe ao sinónimo meditación, pola acción de reflexionar e resultado desta acción. E dicir, toca valorar as cousas e da súa ponderación de aspectos favorábeis en comparanza cos contrarios, tomar camiño e, de resultar lóxico e razoábel, mudar a dirección inicialmente prevista. Velaí a segunda das opcións no significado da palabra reflexión; neste caso relacionado coa Física na que esta  devandita expresión indica cambio de dirección que experimenta unha onda sonora, luminosa ou similar ao chocar contra unha superficie reflectora. Daquela, nesta xornada de reflexión electoral é momento de darlle unha volta ás cousas de comer, de impoñer o “sentidiño” para tomar a mellor decisión na mudanza necesaria de cara ao futuro que precisamos. De apostar polo propio. 
Malia resignación á idea de que todo o peixe xa está vendido, dito de xeito máis académico coa locución “alea iacta est”, iso de que a sorte está botada nunca será certo de todo ata ver a consecuencia da mobilización de vontades que só se manifesta co resultado saído da escolla que resulta de contar as papeletas unha vez pechadas as urnas. Certo é que andamos nunha situación anormal, aínda que intentemos enganarnos a nos mesmos co eufemismo de “nova normalidade”, porén aquí no día de hoxe nada é normal e todo indica que deberemos afacernos a unha forma de ser e relacionarnos froito dunha pandemia sobrevida que invadiu as nosas vidas, antes só visto como pesadelo dunha fantasía do cine de catástrofes.  Veu para ficar entre nós.
Por iso, do mesmo xeito que antes sucedera fronte a outras catástrofes provocadas pola responsabilidade humana, aínda podemos estar no estado de desconcerto e parálise posterior a un golpe paralizante que reflicte o estado de conciencia e de ánimo que nos deixou o confinamento pola pandemia, non fácil librarse del, porén sentindo o afogo do dominio dun poder institucional que nos esmaga sibilinamente, coa cómplice axuda interesada dos poderes reais, impedindo a resposta lóxica da desesperación aniñada nun ambiente que anuncia estoupido.
O devir político do futuro inmediato deste país está por compoñer. Peza musical colectiva, cun  pentagrama dependente de signo meteorolóxico: Clave de sol. 

Reflexión en clave de sol

Te puede interesar