A fronteira infinda

Co título de “A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración” móstrase en Afundación de ABANCA unha selección de obra de creadores de Galicia das coleccións da entidade. A mostra- segundo o seu comisario Carlos L. Bernárdez- ofrece tres núcleos: Castelao e as primerias décadas do século XX; os artistas exiliados en América despois da guerra civil; e, finalmente, aqueles que, formados na posguerra, alleáronse en Madrid e foi na capital de España onde adquiriron sona. Móstranse, pois, temáticas e estéticas ben dispares que van dende as abstraccións xeométrico-simbólicas de Labra ás figuracións míticas de Mario Granell, dando testemuña da variedade e riqueza creadora da nosa arte no pasado século. Así que podemos afirmar que, aínda que abeirados e finistérricos, o pulo creador dos galegos sobrepasou todas as fronteiras. 
Un pode demorarse acougadamente nas idílicas paisaxes e figuras de Colmeiro, que teñen un aquel de apacible égloga virxiliana; ou pode choutar ao violento expresionismo de Laxeiro, coas suas cores escuras e os seus esperpénticos persoaxes. Pode logo, pedindo reflexión, ir cara os cadros de Luis Seoane onde espazos, planos coloreados e liñas crean impactantes e atemporais configuracións emblemáticas. Eugenio Granell abonda en surreales e extranas naturezas, como en “O segredo do río Sil”; e Maruja Mallo achéganos a outra clase de extrañeza: a das máscaras. Con Leopoldo Nóvoa imos máis lonxe: ás grisallentas terras, cor de lousa, dos seus Espazos cromlech que encerran pegadas e memorias perdidas. 
Jorge Castillo fainos viaxar polos nocturnos da cidade, xa sexa por unha beirarrúa do Soho ou baixo as inmensas sombras dunha ponte de N. York. De inmensidades grises falan tamén as obras de Grandío ou de craroscuros que proxectan enormes e sobrecolledoras sombras. Xoga Mampaso con fortes contrastes de bermello e negro ou de negro e blancos marfileños en obras encadradas no expresionismo informalista. Luis Caruncho ofrece as súas xeometrías constructivistas. A levedade da luz canta nas delicadas e líricas  paisaxes de Lago Rivera. Ecos dunha visión finisecular e romántica achamos  na “Princesa negra” ou “Escena de cabaret” de Arturo Souto. Rostros da Galicia profunda óllannos dende “O bautizo” de Isaac Díaz Pardo e a retranca nosa queda ben reflexada nos diálogos que recolle Castelao nos debuxos “ Os que volven” ou “Os emigrados” . Pintores menos coñecidos como Manuel Pàilós ou Angel Botella están tamén presentes. 
E o conxunto non fai máis que abrir unha fírgoa ás vastedades infindas do noso ser.

A fronteira infinda

Te puede interesar