Os premios Exceleite galardoan os vinte mellores produtores de leite de vaca

A entrega dos premios aos vinte produtores celebrouse no Spa Attica 21 de Vilalba
|

Son os vinte mellores produtores de leite de vaca de Galicia. Así o garanten os premios Exceleite que, por segundo ano consecutivo, galardoan a excelencia sanitaria da cabana gandeira galega. No acto de entrega, no que participou o conselleiro do Medio Rural, José González, os vinte galardoados recolleron os premios que recoñecen as explotacións con maior nivel de calidade hixiénico-sanitaria.
É a segunda edición dos Exceleite que, dende o ano pasado, organizan un rigoroso sistema de control das explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) –que suma 5.000 en total– e que, por tanto, están en disposición de usar o distintivo de calidade Galega 100%.

Ferramenta diferenciadora
Con eles, a Consellería busca que o nivel sanitario se conciba tamén como ferramenta diferenciadora e que culmine a calidade do leite e dos seus derivados en Galicia. De feito, durante a gala de entrega dos galardóns, o conselleiro, José González, reiterou a importancia de manter o bo status sanitario da cabana gandeira galega, “algo que xunto co benestar animal, convértense nas claves deste eido produtivo”. Grazas a isto, González asegurou que nos nove primeiros meses do ano 2018 os gandeiros galegos ingresaron preto de 36 millóns de euros máis (un 6% máis) que durante o ano anterior, ata superar os 639 millóns de euros en termos global. 
Para continuar con este traballo, o titular de Medio Rural tamén anunciou que de cara ao próximo ano o seu departamento achegará ata 17 millóns de euros para realizar campañas de sanidade animal. 

Labor dos técnicos
Ao respecto, González tamén quixo felicitar os técnicos, veterinarios e persoal que se encargan do asesoramento en materia sanitaria. Estes son moi importantes no que aos premios Exceleite se refire, xa que os galardóns se fixan basándose nas análises e comprobacións realizadas in situ. Así, a primeira selección das granxas inscritas no Recaldi que poden optar ao recoñecemento sanitario faise segundo os resultados das análises do Ligal (Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite). Unha vez realizados e observados, remitíuselles aos que pasan á seguinte fase unha carta para que deran autorización para continuar coa análise. Unha vez aceptada, os técnicos realizaron visitas de campo ás granxas para corroborar que as súas características eran as axeitadas. Con todos estes datos, o resultado final baseouse nos resultados do leite.

Os premios Exceleite galardoan os vinte mellores produtores de leite de vaca