A Xunta avanza no seu plan de expurgo e organización dos arquivos xudiciais

Arquivo común dos xulgados, o corredor social de menores en 2014 (esquerda) e en 2015 (dereita)
|

A Administración galega puxo en marcha dende hai anos un proceso para aliviar a conxestión existente nos arquivos e oficinas xudiciais. Despois da necesaria articulación normativa, o fito máis salientable, e punto de arranque das tarefas a acometer, é a constitución da Xunta de Expurgación en febreiro de 2013 e a inmediata posta en marcha dunha experiencia piloto no Tribunal Superior de Xustiza de galicia e a Audiencia Provincial de Pontevedra. Nese mesmo ano dotase de persoal técnico aos catro arquivos territoriais das catro provinciais e ponse a disposición dos órganos xudiciais unha aplicación informática para facilitar as tarefas do expurgo da documentación.
O éxito destes proxectos piloto permitiron estender este proceso ao conxunto da comunidade autónoma. O traballo realizado a partir de aí foi recoñecido polo Consello Xeral do Poder Xudicial, que otorgou o premio calidade da xustiza 2015.

Resultados
Entre os datos máis salientables dende o inicio do proceso, cabe destacar a organización dos Arquivos Territoriais. Algún deles, como é o caso de o da Coruña, en 2013 non tiña espazo xa para admitir ningunha documentación. Os traballos realizados permitiron acadar espazo para máis de cinco anos.
Outro punto destacable é a recuperación de traslado aos respectivos Arquivos Históricos de documentación de interese histórico, enriquecendo así o noso patrimonio cultural: O Proceso Casares Quiroga (atopado no arquivo común dos xulgados de A Coruña na rúa Monforte); o antigo arquivo municipal de Lavadores (atopado no arquivo común dos xulgados de Vigo); o catastro do Marqués da Ensenada - Libro de Respostas Xerais ou Interrogatorio, da parroquia de San Lourenzo de Vilamaior de Negral (concello de Guntín – Lugo), que constitúe a máis antiga e exhaustiva enquisa dispoñible sobre as poboacións da Coroa de Castela durante o século XVIII – 1752 -(atopado nos arquivos de Lugo); Planos topográficos da Partixa dos Montes de Santiago de Quende (Abadín, Lugo), de 1908; Proxecto Casa Observación de Menores de Rábade, de 1951.
Cabe sinalar tamén a habilitación de espazos externos para a retirada de documentación dos órganos máis saturados: O edificio Campolongo (Pontevedra), onde foron trasladados 187.097 expedientes (15.513 caixas), procedentes dos xulgados de Pontevedra e Vigo; a Academia Galega de Seguridade (A Estrada), con 18.059 expedientes instalados (2.831 caixas), procedentes dos xulgados de Pontevedra e Vigo; O ISGA (A Coruña), con 8.214 expedientes (2.166 caixas) de Xulgados de Ferrol, Santiago e A Coruña.
Destaca tamén o inventariado e colocación en caixas da documentación existente nos arquivos comúns e rexistro nunha aplicación informática. Labores que facilitan non só a custodia e sinxela localización da documentación arquivada, tamén o aproveitamento dos espazos
Tamén se levou a cabo o desenvolvemento dunha aplicación informática que permite a xestión integral dos arquivos xudiciais e almacéns de pezas de convición.
Esta aplicación permitirá asegurar a trazabilidade e localización dos expedientes xudiciais e pezas de convición, xestionándose a través dela o ciclo de vida completo da documentación e das pezas, permitindo unha maior seguridade, control, facilidade de localización e maior eficiencia na xestión dos espazos. En 2016 púxose en marcha en tres órganos piloto, estando prevista a súa extensión ao conxunto de órganos xudiciais antes de que remate o 2017.

A Xunta avanza no seu plan de expurgo e organización dos arquivos xudiciais