A Xunta impulsa un protocolo de coordinación para unha resposta global á violencia de xénero

A Xunta impulsa un protocolo de coordinación para unha resposta global á violencia de xénero
A campaña de cara a este 25-N incide en que o “NON” é a única resposta ante a violencia de xénero

Unha das ferramentas máis importantes e máis globais coas que a Xunta dotou á cidadanía galega para loitar contra a violencia de xénero é o Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional elaborador polo Observatorio Galego da Violencia de Xénero, dependente da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade. Trátase dun recurso con achegas de diversas entidades, axentes e mesmo vítimas das agresións machistas, que recolle propostas de mellora e recomendacións para loitar contra esta lacra e estratexias para a sensibilización e a prevención. 
Así, enténdese como unha ferramenta que se debe de adaptar aos procedementos estandarizados de cada área e que ten como principios de actuación a atención integral, especializada, personalizada, áxil e inmediata, a deteción e prevención, o respecto á intimidade e dignidade das vítimas, o fomento da autoestima e a autonomía das agredidas, a coordinación entre entidades e a concienciación e sensibilización dos poderes públicos. 
No que atinxe ás propostas xerais de actuación para a sensibilización en igualdade de xénero e a prevención da violencia, os obxectivos marcados neste protocolo buscan facilitar a resposta institucional e a coordinación, mellorar a atención e os servizos prestados ás mulleres e menores vítimas e darlle visibilidade á problemática da violencia de xénero incidindo nas súas causas, alcance, características e prevención.
De maneira específica, o protocolo establece accións especializadas nos principais ámbitos como é o educativo, o sanitario, o das forzas e corpos de seguridade, o xurídico e o social.

Áreas específicas
Así, na educación incídese no alcance da violencia de xénero tanto en relacións adolescentes do alumnado como entre os menores do centro que poidan vivir agresións no fogar, e faise especial fincapé na prevención, sensibilización e identificación das condutas estereotipadas e tóxicas.
Na área sanitaria, tense en conta a violencia de xénero como factor de risco para a saúde que require dunha atención especializada, así como nos procesos de identificación e detección das situacións de agresións machistas a través das consultas de atención primaria e das urxencias hospitalarias.
En canto ás forzas e corpos de seguridade, instrúese os axentes en protocolos e instrucións para establecer pautas de actuación e coordinación e recóllense os fitos máis importantes dos protocolos xa existentes, incidindo na coordinación e atención integral e na actuación concreta no caso de persoas dependentes, mulleres estranxeiras e menores. Polo que atinxe á área xurídica o protocolo encamíñase á intervención no proceso xudicial de diferentes entidades como son os xulgados, a Fiscalía, os colexios de avogados, o Imelga e a Oficina de Atención a Vítimas do Delito. Ademais, incídese sobre os dereitos recoñecidos a mulleres e menores de idade que se atopan en situación de violencia de xénero habilitando espazos e actitudes suxeridas por parte dos profesionais que interveñan. Por último, na área social, aténdese ao papel fundamental que este ámbito ten no eido da prevención e sensibilización e como porta de entrada para a identificación e intervención inicial de asesoramento, asistencia e atención. 
Ademais deste protocolo, Galicia é tamén pioneira no ámbito da prevención do acoso sexual nos lugares de traballo, ao poñer en marcha unha campaña de prevención e actuación ante estes casos dirixida aos colexios profesionais. l

A Xunta impulsa un protocolo de coordinación para unha resposta global á violencia de xénero

Te puede interesar