Os grandes eventos e a base

Os grandes eventos e a base
Deporte Campeón-2016-02-08-001-bc7358b8

 

A cidades prepárase para acoller a Copa do Rei de baloncesto. Do 18 ao 21 deste mes, A Coruña será o centro de atención da canastra a nivel nacional.

—A Copa do Rei de baloncesto será un éxito. Vostede pensa apostar no futuro por grandes eventos á vista disto?
—O primeiro que temos que facer é sacar conclusións a posteriori. Evidentemente, hai indicadores de que a Copa do Rei vai ter aspectos moi positivos como é, evidentente, a ocupación hostaleira, e esperemos que tamén axude á proxección da cidade. Pero entendemos que os grandes eventos non poden ser a única actuación, a actuación prioritaria. O diñeiro público é limitado e o que sacas dun lado non o podes meter noutro. Se queremos apostar polo deporte de base, por ter instalacións deportivas potentes na cidade, ese diñeiro non se pode dedicar a outra cousa, a non ser que o sector privado se involucre ou outras administracións se involucren máis, pero desde logo o Concello non pode ser o que sosteña eventos como este todos os anos. Non é asumible polas arcas municipais. O gasto na Copa do Rei podémolo ver en termos de investimento, pero para iso tamén haberá que facer balance ao final e ver canto en realidade queda na cidade porque se barallan cifras que non sei que base real teñen detrás. Haberá que estudalo, falar cos sectores implicados e ver a proxección de marca da cidade. Coruña Corre tamén proxecta imaxe de cidade e tamén hai que ver que imaxe queremos proxectar. Aínda que todo é compatible, non creo que o camiño sexa celebrar un gran evento todos os anos senón compatabilizar unha cousa con outra.

—Se Marea Atlántica estivese hai catro anos no poder, celebraríase esta Copa na Coruña?
—Non o sei. Nós atopámonos a cousa xa feita e o que decidimos é que xa que os contribuíntes coruñeses van facer un esforzo tan grande, nós temos que traballar por sacar a máxima rendibilidade a isto e é no que estamos. Para satisfacción de todas as partes, aí están os datos de ocupación e a xente da ACB está moi contenta co traballo que se fixo desde o Concello, pero isto hai que velo no seu momento.

—Dáse unha cousa curiosa, que é que o organizador é o Obradoiro de Santiago e que hai un equipo na cidade que se sinte maltratado.
—As condicións en que se chega a ese acordo entre Concello e ACB son, entendo, as estándar da ACB, que lle dan practicamente todo o control. Nós pelexamos desde o primeiro día para o Basquet Coruña tivese unha implicación, pero as condicións son as que son. Nós non as fixamos, as fixa a ACB e a ACB ao final deuse conta de que había que contar un pouquiño máis co Básquet Coruña. Nós, en todo o que está na nosa man, contamos co Básquet Coruña, que, evidente, non pode participar porque non é equipo de ACB. Do feito de que o Obradoiro a organice na Coruña, hai que preguntárllelo aos políticos que estaban en Santiago.

—O deporte é saúde e pretendede que sexa unha cidade máis accesible. Como se concilia todo iso?
—Nós este ano temos previstas actuacións nos carrís bici para unir os que hai dispersos pola cidade porque quedaron desconectados entre si. Queremos unir todos os que hai este ano para facer camiños ciclables que sirvan para algo. Coa Deputación estamos a traballar e xa está o diñeiro aí para facer esa entrada á cidade polas Xubias con carril bici e esa é unha actuación prioritaria. O obxectivo  é que a bici non sexa só unha forma de facer deporte, senón tamén un medio de transporte habitual, como xa o é, para moitos coruñeses e coruñesas. O éxito de Bicicoruña é evidente, imos aumentar este ano o número de unidades e paradas. Calquera cidade que queira estar no século XXI ten que avanzar por aí, pola sustentabilidade e unha forma de mobilidade saudable.

—As carreiras populares experimentaron unha subida de prezos, a que se debe?
—Houbo subida na primeira carreira, Coruña10. Aí subiuse un pouco porque non daba o diñeiro para soster os gastos da carreira. Pero no Circuíto Coruña Corre baixáronse as taxas e en Coruña21 e no maratón están igual, así que no balance, son máis baratas as carreiras este ano que o pasado. A baixada de prezos non tivo tanta repercusión como a primeira subida.

—En canto ao deporte do cidadán, que idea ten para que a xente se anime a practicar eses hábitos saudables?
—Hai que habilitar lugares onde sexa cómodo facer deporte. Por exemplo, unha das cuestións que se están poñendo en marcha é colocar canastras na rúa e iso os rapaces agradéceno bastante porque mo piden. Estamos a poñelas e hai que mantelas. A medio-longo prazo, a visión urbanística da cidade é máis amable, con máis espazos verdes, con espazos abertos, lugares nos que poder correr, sacar un balón cos nenos e xogar alí.

—En orzamentos, canto se destina a deporte?
—É unha partida moi importante. Hai moito persoal no Concello dedicado a deportes, ás instalacións deportivas municipais, e cremos que temos que seguir coidándoas e ampliándoas. A nosa intención é que neste mandato haxa máis infraestruturas deportivas porque as que hai están moi ocupadas e seguramente sexan insuficientes.

—Na cidade hai instalacións que xestiona o Concello e outras que corresponden á Xunta. Vai reclamar estas últimas?
—Nós estamos a contemplar esa posibilidade pero até agora a Xunta tampouco é proclive a trasladar esa titularidade. Para nós é unha opción que está aí e que non descartamos.

—Non sería máis cómodo unha soa xestión global?
—Si, seguro que si, pero de todos os xeitos a xestión das instalacións da Xunta está externalizada toda ela con contratos en vigor e iso dificulta o traspaso.

—En canto aos campos e sede da Federación, con toda a controversia que se produciu, está satisfeito?
—Satisfeitos non podemos estar aínda até que se aclare que vai pasar con eses terreos e as obras collan o ritmo que teñen que coller. Veremos como acaba isto. Para nós é fundamental que a Federación quede na Coruña, que se cumpran os compromisos adquiridos pola Federación e que podamos ter eses campos este ano para goce dos coruñeses e coruñesas. 

—A Federación anunciou que manterá a sede na Coruña por agora, pero na zona da Universidade. Que vai pasar cos terreos reservados para a súa construción en Visma?
—Estamos á espera de poder falar coa Federación e ter un entendemento. Xa non só o Goberno Municipal, senón que o Pleno por unanimidade aprobou dúas mocións reclamando que a sede estea na Coruña e que se cumpra o convenio. Esa é a postura.

—É suficiente con que a sede se siga na Coruña, pero non onde ía estar?
—Nós estamos por falar e dialogar. A Federación ten que clarificar moitas cousas. A Federación tiña un diñeiro finalista para ese edificio, ten contrato cunha construtora e eu boto de menos de que por parte da Federación se nos aclare máis cal é a súa perspectiva. Despois, falar sempre é bo, pero a nosa postura neste momento é que se cumpra o convenio tal e como está. n

Os grandes eventos e a base

Te puede interesar