A Xunta impulsa o galego fóra das súas fronteiras coa figura de Moreno

|

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia impulsa a lingua galega dentro e fóra das súas fronteiras coa figura de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada no Días das Letras Galegas. O proxecto elaborado polo CEIP San Luis Romero de Carballo, gañador do concurso-exposición Letras Galegas 2018 categoría de Infantil e Primaria, que consta de láminas e materiais didácticos, distribuíronse en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior para conmemorar este 17 de maio no marco da programación institucional da Xunta de Galicia.

Coa difusión deste material preténdese achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de María Victoria Moreno, a sua obra e o tempo que lle tocou vivir. O proxecto, que leva por título “María Victoria Moreno, mestra con alma” e supuxo un intenso traballo por parte de toda a comunidade educativa, ademais do recoñecemento institucional, estuvo dotado cunha dotación económica de 2.000 euros e un lote de productos da marca Feiraco, empresa patrocinadora.

Orixinal e innovador
O xurado premiou o esforzo, a orixinalidade e a innovación neste traballo, xa que, segundo recoñeciu, o resultado final foron “unha serie de carteis dunha gran beleza e calidade plástica, moi orixinais e innovadores ao incluir códigos QR, que animan ao alumnado e ao profesorado a ampliar a información sobre a autora homenaxeada; e pictogramas, para favorecer a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais”. A cabeza e as pegadas de Alma, a cadela de María Victoria, contribúen a darlle unha maior unidade ao conxunto.

A maiores, unha das láminas do proxecto titulada “A prol da igualdade”, foi a elixida para visibilizar o 17 de maio desde a campaña Letras Galegas 2018 de Vegalsa-Eroski, na que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da programación institucional impulsada pola Xunta, nos establecementos da cadea de alimentación e distribución alimentaria durante a semana das Letras Galegas.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou o pasado venres en Carballo na entrega do premio ao centro gañador, onde subliñou que o galardón ten como principal obxectivo “implicar a toda a comunidade educativa na celebración do 17 de maio para poñer en valor e divulgar a vida, obra e a época da figura homenaxeada polas Letras Galegas”. Valentín García tamén recoñecou que este premio é posible grazas a que dispoñemos dunha “lingua propia e moi fermosa para poder expresarnos”, polo que levou o compromiso do alumnado do CEIP carballés de que a partir dagora comunicaranse “moito máis” na lingua galega.

Prestixio e visibilidade
A directora do CEIP San Luis Romero, Luisa López, agradeceu o inmeso traballo de todas as persoas que fixeron posible este galardón, que foi posible grazas a un traballo en equipo e a todo o alumnado, e subliñou que ademais da dotación económica, isto ten un valor moi superior debido ao “prestixio” e visibilidade acadada con este proxecto.

Entre os máis de 2.000 puntos nos que se distribuiu o traballo elaborado polo centro carballés, tanto na Comunidade Autonóma como no exterior atópanse concellos, bibliotecas, lectorados e centros de estudios galegos, universidades europeas e americanas, centros galegos e casas de Galicia, para conmemorar o vindeiro 17 de maio. As láminas e a guía didáctica, ademais dun marcapáxinas e unha regra que configuran este proxecto escolar, poden descargarse de forma gratuita en www.lingua.gal/dia-letras-galegas. As dez láminas, elaboradas polos distintos cursos do centro, fan un percorrido pola vida desta autora extremeña, pero con vocación e alma galega.

A campaña lingüística potenciada pola Xunta de Galicia tamén inclúe o reparto o vindeiro xoves 17 de maio de chapas que promoven o uso do idioma e uns folletos biográficos que atenderán á vida da autora homenaxeada, María Victoria Moreno. A publicación contén algúns dos seus contos e fragmentos para maiores.

A Xunta impulsa o galego fóra das súas fronteiras coa figura de Moreno