A tradición gasta traxes dos anos 50

A tradición gasta traxes dos anos 50

Neste espectáculo so hai homes. En concreto, seis. Que saen da suma de tres músicos e dous bailaríns. A guinda encárgase de poñela Nelson Quinteiro, que saca un repertorio popular para envolvelo de frescura en directo. Porque o espectáculo “Gharbo!” é un experimento a tempo real. A nova coprodución do Centro Coreográfico Galego e Contra2 evoca a tradición, aos antergos, ao agro e tamén ao mar. Deste xeito, vaise ata o da Marola para repescar a esa serea da que un día falaron os devanceiros e darlle unha volta.

A coprodución do Centro Coreográfico Galego e Contra2 estrearase no Rosalía o 10 e 11 de maio

A colaboración da compañía pública non ten que ver co plano económico, senón cos servizos xa que eles poñen os músicos e os técnicos, a asistencia de luz e de son, e Contra2, a idea. Que saiu da Mostra de Danza de Galicia e recibiu a aprobación da directora do CCG, Mercedes Suárez, quen propuxo facela grande. Para que Galicia bailase en torno á tradición que se debuxa neste caso con pinceladas de flamenco e contemporáneo. Nela, os protagonistas non usan refaixos pero si chalecos propios dos anos 50.

Conta Quinteiro que a finalidade e desmarcar o popular dos estereotipos. Deixalo libre. A peza que foi medrando ás beiras do centro Ágora a modo de residencia, estrearase os vindeiros 10 e 11 de maio no teatro Rosalía. Será entón cando a zanfona de Suso Vaamonde, a guitarra de Ricardo Rozas e o acordeón de Xosé Lois Romero tocarán en directo para seren gravados e volver a soar con efectos, nunha montaxe na que Quinteiro cantará sobre voces anteriores e os catro poñerán o seu toque a modo de asubíos e coros. Polifonías que axudarán a darlle esa volta á tradición e que falarán de fábricas e de ondas.

Sobre as táboas estarán Pastor Rodríguez e Iván Villar, que é ademais o coreógrafo. Animando o cotarro a golpe de xotas, maneos, muiñeiras, pasodobres, alalás ou tangos. Eles producirán ese choque buscado entre unha estética nunca emparellada co tradicional e os pasos de baile que si respiran da orixe. Con elementos coma potes. Contraste puro que verá a luz na cidade para falar de sinerxia entre compañías.

“Gharbo!” será a única coprodución de 2012 de Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). A directora do CCG sinalaba que a cooperación céntrase neste caso en meses de traballo conxunto coa cesión de elementos escenográficos de atrezzo e vestiario, ademais dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización.

No caso de Contra2, “Gharbo!” é a súa segunda montaxe onde introduce outros sistemas de expresividade que evocan á danza moderna e pasan polo clásico e o neoclásico dentro dunha escenografía simbólica. O espectador toparase de bruces cun galpón típico onde non faltará unha colada colgada e cestos e potes. O espazo converterase así nun ente propio e emocional, que salpicará de lembranzas e actitudes colectivas porque o termo “Gharbo!” significa para eles esa capacidade compartida de saír adiante.

A tradición gasta traxes dos anos 50

Te puede interesar