A Policía impide que “Proxecto Cárcere” actúe contra o deterioro da prisión

A Policía impide que “Proxecto Cárcere” actúe contra o deterioro da prisión

O que tiña previsto ser unha chamada de atención ás autoridades sobre o estado de abandono da vella prisión truncábase onte pola presenza de ata cinco coches da Policía Nacional, ademais dunha patrulla da Policía Xudicial, que impediron a entrada aos membros do colectivo “Proxecto cárcere”, que pretendían limpar o seu interior ateigado de lixo e obxectos punzantes.

Despois dun ano traballando en darlle unha saída ao bloque que pase pola autoxestión, a agrupación convocaba onte a toda a cidadanía para participar no que estaba pensada como unha xornada de desinfección do edificio, coa fin de recoller os cristais, as xeringas e o lixo espallado polo interior para terminar tomando un bocata a modo de picnic nos aledaños do inmoble.

Ás dez e media da mañá, unha hora antes do fixado, tres membros de “Proxecto Cárcere” aproximábanse ata o recinto con cubos e vasoiras cando uns axentes vestidos de paisano lles requeriron a documentación e lles invitaron a abandonar o centro penitenciario. Máis tarde, chegaron outros compañeiros con máis produtos de limpeza, que foron de novo interrogados por un grupo de axentes que se achegaba en número aos de “Proxecto Cárcere”. Contaba unha integrante do colectivo, Rocío Fraga, que ao parecer estaban alí porque alguén lles “chivara” que pensaban “ocupar a prisión”. “Pero so fomos en plan simbólico”, sinalaba, tras avisar aos medios de comunicación para que tomasen boa nota do deterioro que padece unha peza clave da historia máis recente da cidade.

Así foi como a Policía non deixou atravesar a verxa pola que pasan a diario persoas coa intención de practicar o vandalismo dentro do cárcere. É máis, Fraga advirte que despois dunha primeira tanda de accións destrutivas nas que se viron afectados o panóptico que se conservaba íntegro e que agora xa non ten cristais e as paredes das celas que apareceron con pintadas, nunha segunda volta coas portas todas abertas menos unha que xa presenta aboladuras, os radicais teñen manga ancha para facer e desfacer a infraestrutura. De aí que os cristais da primeira planta estean todos rachados, “algo que so se pode facer desde dentro porque con pedras non se chega a rompelos desa maneira”, salientan.

Como consecuencia, o inmoble está á intemperie coas cubertas en moi mal estado que necesitan de parches temporais cos que evitar unha morte prematura. Unha situación denunciada polo “Proxecto cárcere”, que leva comunicando todos estes feitos tanto ao Concello como ao Ministerio de Interior sen obter resposta ningunha. Os membros aseguraban en febreiro ter chamado ao 010 en numerosas ocasións para alertar do fácil acceso desde o parque infantil ao recinto, en concreto, a un patio cheo de cristais e de xeringas.

 

Intención > Fraga conta que de querer ocupar o centro, non chamarían aos medios de comunicación nin moito menos acudirían ao mesmo con cubos e recolledores. Aínda así, os axentes permaneceron na entrada ata o mediodía para evitar que accedesen ao interior e os membros decidiron entón enfundarse as camisetas co emblema da plataforma e alzar os seus carteis reivindicando unha solución para o cárcere.

A integrante comentaba que se ben ao principio deuse unha situación un tanto tensa xa que os policías requisaron a unha delas unhas tesoiras de podar e lles pediron o DNI, o certo é que o toque de atención pretendido coa xornada de limpeza conseguírono permanecendo na entrada da prisión coas camisetas e os carteis. Isto fixo que moitos curiosos se achegaran ata alí para ver que pasaba.

Este incidente, sinala Fraga, non vai impedir que o colectivo continúe a debuxar as liñas do seu proxecto. A piques de rematar o dossier que se presentará á prensa nas vindeiras semanas con todo o que queren facer no cárcere, ademais dun plan de viabilidade deseñado por un grupo de profesionais que atende á formula máis económica e eficiente posible de salvar a prisión, está a celebración dunha festa na que se ofrecerán actividades lúdicas dentro e fóra e se presentarán algunhas das ideas que saíron da plataforma.

O obxectivo é facer o maior ruído posible para que o Concello e o SIEP (Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios), o promotor encargado deste tipo de inmobles abandonados, deixen de xirar a cara. Contaban que neste sentido, o cárcere atópase en territorio de ninguén porque mentres que o Concello alega que aínda non é propietario do mesmo, Interior delega no SIEP. E mentres tanto todo é silencio e destrución.

A Policía impide que “Proxecto Cárcere” actúe contra o deterioro da prisión

Te puede interesar