“Chamámonos (S8) por algo”

|

El Ideal Gallego-2011-05-26-012-2812e1c8

antigua cárcel segunda mostra de cinema periférico

A segunda edición da Mostra de Cinema Periférico (S8) aposta pola vangarda pero sen esquecer os principios cunha reposición íntegra de “Metrópolis” e os primeiros intentos de facer cine na casa xunto á actuación do Dúo Cobra, que coma moitos, segue tirando da forza do Súper 8. Cando o formato está máis vivo que nunca. Aínda que agora entre en prisión.

Reportaxe de m.G.M.

O vello cárcere volverá a ser un activo na cultura e abrirá  o vindeiro 2 de xuño as súas portas ao cinema que se degusta en Súper 8, a través da performance, con medios analóxicos e a modo de instalacións interactivas, para que o espectador xogue coa imaxe a adiviñar de que película se trata polas dobraxes dos actores. Comeza (S8).
O coordinador da mostra, Ángel Rueda, destripaba onte o gordo dun programa que atenderá ás vangardas sen esquecer os principios de cando un tal Fritz Lang filmou unha obra mestra como “Metrópolis” e o tempo quixo secuestrar vinte minutos de cine e de como os amantes do celuloide tiveron a posibilidade de facer películas e xurdiu a espontaneidade.
A improvisación acadou un toque doméstico e moitos quixeron retratar as súas propiedades e porcelanas. É por iso que a segunda Mostra de Cinema Periférico comezará coa reposición íntegra de “Metrópolis”, o 1, no Teatro Colón, para entrar na cadea a golpe de videoclips, cunha dobre sesión o 4 de xuño, no que se proxectarán pezas musicais e o Dúo Cobra, recén chegado do Primavera Sound, levará a experimentación polo analóxico despois de que a electrónica chegara ao  seu tope.
Dicía Rueda que se chaman (S8) por iso de recuperar traballos en Súper 8 que proceden do ámbito afeccionado pero tamén do artístico co colectivo A Carón, que probou os efectos da arte no hospital santiagués de Conxo. Alí, os Vari Caramés, Xulio Correa e Manuel Abad fixeron intervencións en 1976 e filmaron o resultado, que se verá na prisión xunto cos traballos de distintas cineastas galegas, que representarán a contemporaneidade.
Entre elas, estará Lara Bacelos que fará unha posta en escena mesturando arte e poesía e os traballos de Xisela Franco, nunca vistos ata o momento porque a directora emigrou a Canadá para facer cine. Ademais, a Filmoteca Española brindará a oportunidade de ver unha xoia que data de 1896 e que provén da familia vasca Sagar Minaga, que mercou un cinematógrafo en París e adicouse a facer pelis por España.
A mostra respetará a súa condición de mudas nun intento de recuperar a sensación de volver cen anos atrás, explicaba Rueda. As celas encheranse de videoinstalacións como a de Vari Caramés cando se enfrentou ao silencio do cárcere unha vez que deixou de ser cárcere. Os nenos poderán ver pelis de Lotte Reiniger e os programadores coñecerán no Macuf os medios para que tanto tesouro non se perda.

“Chamámonos (S8) por algo”