A cotización do pensionista

Casual e curiosa coincidencia resulta a expresión “cotización” utilizada para describir as achegas que traballadores ou empresas realizan ao fundo da Seguridade Social con destino á consolidación do dereito á pensión de xubilación; e, tamén, o uso desta palabra no ámbito dos mercados da bolsa de valores cando falamos do prezo que acada un determinado título ou acción no que se divide o capital social das empresas que negocian neste marco a transacción de todo ou parte do seu valor monetario. Tamén a dos instrumentos financeiros que chamamos opcións ou futuros. Daquela: Cómo cotiza o pensionista de hoxe en día nese mercado de futuros?.
Obviamente a voz “cotizar” ten outras significacións, tanto no eido económico á hora de indicar o valor de cambio dunha moeda a respecto de outras como no plano simbólico. Ese aspecto de prezo alcanzado por un valor ou un ben no mercado, tamén atinxe á consideración dunha persoa, sexa cal for o ámbito da comparación. Así, cando aseveramos que alguén cotiza á baixa ou á alza no que respecta a súa carreira profesional, deportiva, de atracción sentimental ou doutro tipo, estamos a valorar en base a criterios que toman unha referencia respecto doutra; matemáticos ou subxectivos. Se falamos da situación actual dun pensionista, de mínima, media ou alta expectativa na contía da xubilación, a súa cotización nun hipotético mercado de futuro é de caída certa.
Baixa expectativa que nace da nula vontade dos responsables políticos para mudar as normas legais e as condicións do mundo laboral que permitan dotar dos recursos necesarios, unha vez liquidado o actual Fundo de Reserva, cousa que sucederá no ano en curso, á procura de asegurar unha futura prestación económica que garanta o nivel de vida dun colectivo que foi esencial para alimentar a rede de solidariedade familiar fronte á crise de emprego; freando á pobreza.
Agora, coa incerteza das medidas que xurdirán desa comisión de expertos que coñecemos polo Pacto de Todo, nada bo seguro, xa se aventura outro xeito de reducir o poder adquisitivo e faise público sen eufemismos: Manter esa tramposa norma de aumento anual do 0,25% en tanto os prezos soben á carreira. Máis, o propio IPC que é cada vez máis contestado como indicador fiel da cesta media de compra dunha familia traballadora, acaba de modificar a súa composición.
Por iso, o pensionista cotiza cun descenso futuro do seu nivel de vida.

A cotización do pensionista

Te puede interesar