Ditadura de virus e parasitos

en ningún respecto aos distintos sistemas de goberno, sen consideración algunha ás monarquías, apareceu un virus de coroa, puxo a poboación mundial en cadea e mandou parar. Estendeu o silencio por tódolos continentes e uns e outros, sen diferencia de xénero, puxéronse a salvo nas súas casas, a unha prudencial distancia da veciñanza, por se acaso. E os que non teñen casa? A eses mandounos directamente para a terra, para a cuneta, ou, mesmamente, para a boca do lobo. Cantos foron? Quen sabe? Será conveniente, cando pasen uns anos, acudir ás hemerotecas ler e sumar.
Os que teñen pouco, ou non teñen nada, non son nin tan sequera un número, e deles non quedará nin a memoria. Non quedará a memoria dos mortos pobres en ningures, en ningunha desas monstruosas listaxes globais, construídas en formato dixital, para coidar das especies arbóreas. 
Moitos dos vivos da Galicia rural lembran perfectamente aquela gran revolución que fixo enormes cambios na estrutura social e económica do país, pasando do arado romano, co “chispin” por medio, ao tractor robotizado, en pouco tempo. Moitos dos vivos lembran (lembramos) perfectamente a radical negativa ao sinal do dedo, que a maioría das veces, case sempre, indicaba cara os mesmos, cara os primos dos mesmos, cara os fillos ou sobriños dos mesmos, mentres ignoraba aos que non concordaban con tanta arbitrariedade, con tanto abuso de poder e co desprezábel “ordeno e mando”. 
E, agora, que? Para onde imos? Quen sabe! Aínda que os virus, eses axentes infecciosos, avanzan libremente cun liderado indiscutible na destrución dos humanos, dos ordenadores dos humanos, dos sistemas informáticos dos gobernos; dos pulmóns, dos corazóns e do sorriso das persoas, algo quedará. A revolución en marcha favorece e dálles maior poder aos poderosos, ás multinacionais das tecnoloxías, da mercadotecnia e das comunicacións. 
Os medios electrónicos xa nos irán dicindo que modelo de universidade queremos, as vantaxes da educación e da formación telemática, os produtos apropiados para consumir en cada época, as lecturas e a música que nos gusta, cal é o candidato ao que debemos apoiar, o científico que interesa premiar e, incluso e sobre todo, cal é a televisión para a que debemos mirar e escoitar. 
A Tía Manuela rebélase contra tanta indignidade e propón opoñerse, antes de que sexa tarde, a esta ditadura miserable de virus e parasitos. 

Ditadura de virus e parasitos

Te puede interesar