martes 1/12/20

Galicia é a primeira comunidade en implantar a sede xudicial electrónica

A sede xudicial electrónica permite aos cidadáns e profesionais da comunidade autónoma consultar a situación na que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte.

A sede xudicial electrónica permite aos cidadáns e profesionais da comunidade autónoma consultar a situación na que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte. Galicia é a primeira comunidade en poñer en funcionamento a sede electrónica xudicial, cumprindo os requisitos que marca a Lei 18/2011 do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación no ámbito da Administración de Xustiza.
Nesta primeira fase da implantación da sede xudicial electrónica os cidadáns tamén poden consultar información dos procedementos que se poderán presentar en sede e verificar documentos electrónicos.
Progresivamente, a sede irá incorporando novas funcionalidades para os cidadáns como a de iniciar online procedementos monitorios (unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador), ou o acceso seguro dos profesionais aos expedientes dos procesos xudiciais nos que son parte.

Acceso
A sede xudicial está accesible no enlace https://sede.xustiza.gal e a través do portal xustiza.gal, que ofrece outros servizos complementarios como a axenda de sinalamentos de vistas, o calendario de gardas, a calculadora de taxas xudiciais ou o censo de letrados.
O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial.

Plan Senda
Este é un dos fitos previstos no Plan Senda 2020 da Xunta de Galicia, que inclúe a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE). En Galicia todas as pezas que compoñen o EXE, e que permitirán unha xustiza sen papeis, están en marcha, algunhas con anos de antelación respecto ao conxunto do Estado.
É o caso de Lexnet, a plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, que se implantou na comunidade no ano 2010 e que desde o ano 2014 xa tiña habilitada a funcionalidade de presentación de escritos.
O pasado 1 de xaneiro entraba en vigor a obrigatoriedade de que todos os axentes xudiciais empreguen Lexnet, que rexistrou preto de cinco millóns de comunicacións telemáticas no que levamos de ano.

Visor do expediente
Ademais, en marzo deste ano iniciouse nos xulgados de Pontevedra a pilotaxe do visor do expediente xudicial, unha solución multidispositivo e única para todos os profesionais da Administración de Xustiza, que lles permite acceder á información dos expedientes xudiciais en formato electrónico.
En novembro o visor quedou implantado na totalidade dos órganos xudiciais e xa están rexistrados como usuarios máis de setecentos profesionais entre xuíces, fiscais e letrados, que poden acceder aos expedientes e consultar os diferentes procedementos, pezas e documentos que os conforman desde calquera lugar evitando así ter que imprimir a documentación e coas vantaxes de axilidade, eficiencia e seguridade que iso supón para desenvolver o seu traballo.

Comentarios