Máis de trinta entidades alzan a voz: “O recoñecemento do Carlos Maside como BIC debe abranguer todo o proxecto do Castro”

Impulsan un manifesto no que reivindican a protección integral do legado de Díaz Pardo e Seoane
Máis de trinta entidades alzan  a voz: “O recoñecemento do Carlos Maside como BIC debe abranguer todo o proxecto do Castro”
As entidades reuníronse o martes na sede da Asociación Alexandre Bóveda da Coruña | Cedida

Á espera de coñecer o contido da resolución pola que se declara o Museo Carlos Maside como Ben de Interese Cultural (BIC), máis dunha trintena de colectivos iniciaron a elaboración dun manifesto no que, entre outras cuestións, reivindican que esa consideración abranga todo o conxunto de Cerámicas do Castro. 


Na reunión celebrada o luns na sede da Asociación Alexandre Bóveda convocada pola CRMH da Coruña, Eira Vella de Betanzos, Irmáns Suárez Picallo de Sada e a propia entidade coruñesa valorouse que a consideración de BIC “é consecuencia da reivindicación social” e incidiuse en que a herdanza de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane “vai moito máis aló dunha colección de arte e que compre preservar ao completo este fito fundamental da cultura e da memoria histórica de Galicia”. 


Neste sentido, coa intención de acadar aínda máis apoios na súa reivindicación, as entidades asistentes acordaron organizarse e convocar novas reunións para traballar na defensa do legado de Díaz Pardo e Seoane.


Para os representantes de todos estes colectivos, como para os cidadáns que acudiron ao encontro a título individual, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside “é moito máis ca unha colección de obras de arte”, xa que “resulta ser unha experiencia pioneira de recuperación da memoria histórica en pleno franquismo”, unha iniciativa coa que se pretendía “reconectar á sociedade galega coas experiencias artísticas anteriores a Guerra Civil, dando a coñecer o rico universo cultural que ficara silenciado polo réxime e do que apenas nada se sabía” en Galicia. Unha empresa ambiciosa na que resulta esencial a converxencia de Isaac Díaz Pardo cos intelectuais do exilio, cos que entra en contacto no contexto da creación da Fábrica  de Porcelanas de Magdalena, en Arxentina.


“Da unión de Isaac con Luis Seoane nace o Laboratorio de Formas de Galicia” que, a través de diferentes vías, tratará de activar “ese proceso de recuperación da memoria histórica” e “modernización cultural”, sendo unha delas o Carlos Maside.  Éste, con Ediciós do Castro, Sargadelos e Cerámicas do Castro, “a empresa embrionaria onde comezou todo e que deu soporte ás demais iniciativas”, conforman “a maior industria cultural da Galicia contemporánea, a principal iniciativa de contestación ao réxime franquista desde o plano cultural”, indican os colectivos asinantes, que insisten en que “a obra de Díaz Pardo é un conxunto poliédrico de producións ao servizo dun fin no que estética e ética se dan a man” e o Carlos Maside “compréndese no seu contexto como parte dun todo, que é a obra de Isaac, e como parte dun conxunto integrado, que son as Cerámicas do Castro”


Con todo, á espera de ver o contido da resolución, que deberá recoller o DOG, as entidades culturais e memorialistas adiantaron que “acordaremos un manifesto conxunto na liña dos acordos adoptados na reunión de do luns, para que máis entidades, colectivos e persoas a título individual se sumen para a defensa e consecución destes obxectivos, organizándonos e coordinando accións e decisións futuras” para velar polo legado de Díaz Pardo.

Máis de trinta entidades alzan a voz: “O recoñecemento do Carlos Maside como BIC debe abranguer todo o proxecto do Castro”

Te puede interesar