A súa santidade vén ou non vén?

Non se sabe, ninguén sabe se o papa virá ou non a Santiago de Compostela con motivo do ano santo 2021-2022. Xa fará o que lle pareza a el e/ou aos que mandan, o soberano naquel Estado da Cidade do Vaticano, desprotexido de exército armado e sen artillería de terra nin de mar. Pero iso si, cunha enorme cantidade de soldados uniformados en branco e negro acostumados a disparar á mesma hora, dende milleiros de púlpitos, coas mesmas palabras e as mesmas mensaxes. A súa santidade é o líder, o papa, o bispo de Roma e o vigairo de Cristo, o que manda, o infalible e quen ordena, o supremo pontífice .

Uns queren que veña, outros, non. E a moitos non lles importa, se vén que veña e se se queda no despacho, que desfrute, que se coide e que se conserve, que prepare o seu discurso para o próximo nadal, no que deberá falar dos conflitos, das crises, das guerras, da igualdade necesaria, da fame e da opulencia. Francisco, incluso, podería ou debería falar do emérito, Benedicto XVI, acubillado e calado nunha casa da igrexa, coidado pola bondade daquelas monxas feiticeiras.

O destes anos non ten parangón, un papa de Roma escondido e un rei, o de España, fuxido. A política é o demo, nin eles mesmos a entenden. Os republicanos españois defenden á monarquía, entenden que é un mal necesario. E os comunistas e socialistas defenden ao papa, polo ben que razoa, polo seu compromiso coa moderna progresía, polo seu falar e pola súa procedencia.

Se o papa viñera a Santiago sería unha satisfacción enorme para os empresarios do turismo, para o sector da hostalería, para as axencias turísticas, especialmente para a “Vía Vaticano”, que conduce unha boa parte do turismo relixioso do mundo, o máis abundante de Europa. A fe, a espiritualidade, a devoción e o interese polo patrimonio de arte sacra, as paisaxes, a saúde e a diversión son motores de dinamización turística.

Se o papa viñera quedaría constancia de que o Camiño de Santiago é, antes de todo, o camiño que fai medrar, nos seus arredores, a economía e a bonanza. Pero para encher os edificios da igrexa, reciclados en edificios turísticos, teñen moito que moverse todos, os bispos e arcebispos, os curas parroquias, os cardeais e o papa. Poida que en 2022, como di a Tía Manuela, “teña que aportar sinerxías a Casa Real, acercándose á catedral o rei con Leticia e o seu pai emérito solo ou con Sofía”.

A súa santidade vén ou non vén?

Te puede interesar