Querer aos xornalistas novos

Aínda que un non deixa de sentirse xornalista nunca, e utilice columnas como esta para manterse aferrado a esa percepción, o certo é que eu hai moitísmos anos que non chamo a ninguén para pedirlle unha declaración ou non vou a unha rolda de prensa sendo dos que pregunta. Hai case unha década que deixei de facelo. Agora, desde outras funcións profesionais, aínda que continúe perto do mundo periodístico e utilizando os coñecementos en comunicación que me concede a experiencia, xa non falo tanto con xornalistas, xa non estou como antes no seu día a día. Ata esta semana. 


Publiquei un libro, e fíxenlle algo de promoción por medios. Iso permitiume volver falar con vellos amigos e tamén coñecer a algúns de nova xeración, eses que aínda estaban na facultade ou nin naceran cando eu xa me dedicaba ao oficio. Resultoume un exercicio chulo e informativo, nunca mellor dito. Porque seguen aparecendo rapaces e rapazas que traballan de xeito fantástico, que teñen ideas e ambicións propias, que aseguran un relevo xeracional, se lles deixamos. 


Obviamente, os maiores temos que comer igual, algúns incluso dar de comer. E non sempre é doado ante certa desvalorización do sector. Pero ao que non temos dereito é a exercer de tapón xeracional. E en Galicia hai moito diso, seica non tanto no xornalismo como no campo do pensamento, onde aínda se considera que, ao sacar un ensaio, un tipo con 50 anos convértese nunha “nova voz”. Con medio século de vida ás costas. Pero así pasa neste país, onde determinadas funcións seguen sendo naturais de quen xa as desenvolvía na Transición. 


Se Galicia aposta polo progreso, a ser posible polo progresismo, uns dos principais retos que ten que desenvolver é o da creación dun novo universo opinativo, que respecte a valía dos maiores, pero no que sexa tan doado escribir un libro sobre política ou ser columnista dun xornal con 30 anos como con 70. Agora non ocorre (agás talvez algo no campo do feminismo). Pero os máis novos non poden ser un nicho, a súa potencialidade debe alcanzar o escenario todo, algo que, por outra parte só poderán facer lonxe da precariedade laboral. 


O último ensaio sobre política e cultura galega que comprei, hai pouco, antes de sacar o meu, vén asinado por un profesor de 68 anos e trata dunha longa conversa ente un profesor de 75 anos e outro profesor de 73. Está ben. Se me engado como autor, resulta que sumamos 266 primaveras entre catro, cando hai persoas capacitadísimas tamén para iso que apenas teñen 30. Moita desta xente da que lles fala son periodístas novos. Aos que lles debemos a habilitación do marco axeitado para que despreguen o seu talento. Xa o fan en medios, poden ir más alá. Teñen que atreverse, tamén, pero polo de agora era ben asfaltarlles o camiño, querelos máis. E non só dentro da profesión, que xa se fai, senón tamén fóra, onde a comodidade se converteu nun tapón. 

Querer aos xornalistas novos

Te puede interesar