Dos puntos de luz

Sempre tiven a necesidade de pensarte. Esa acción era a que garantía esa emoción ampla de sentidos que acendía os días, e facía navegable o mar de fóra. Pensarte tiña a virtude do contaxio, a urxencia de agardarte e a certeza  de volverme vulnerable sen ti.  Saberte era o salvavidas co que me aferraba a vida. E sabes ben que vivirnos tiña a complexidade dos arcanos que, en función das emocións e coa cómplice conxunción dos radicais libres, poden provocar terribles estoupidos ou éxtases incandescentes e ilimitados.


Ti falabas das liñas paralelas, máis ou menos, e das vidas que acompañaban trazados ferroviarios. Eu aprendín a escoitarte embelesado e a anticipar nos teus beizos, a forma e a intensidade das palabras. E soñaba con bicarte con paixón e tenrura. Experimentamos afectos que medraron dun Ola! sorprendido,  ata a unha enciclopedia completa de dependencia e sentidos. Aprendemos  que todo era máis difícil se non tiñamos cerca as voces compartidas que enverdecían desertos e aquedaban a friaxe húmida dos ventos mareiros.


Sempre fostes un punto de luz no corazón exacto das tebras que circulan a modo, na beira lineal e definida das nosas vidas. Un punto de luz que asombra temores e abraza coa forza convencida do querido. Tes a medida exacta dos meus soños –sei que che dixen un día, completamente obnubilado pola delicadeza húmida e doce dos teus ollos– e gardas a promesa de eternidade de compartir contigo vidas e facendas. Antes de ti, a primavera era unha mera recreación das láminas de flores, ou das estampas xaponesas de cerdeiras en flor.


Contigo todo pasou a ser un carrusel de sentidos, un vendaval continuo onde  non había unha emoción, que tivera menor intensidade ca anterior ou maior ca seguinte. Sentirte ten a maxia emocionada de admirarte. Aprendín que vivir é compartir a dualidade desigual de sentirte e de esperarte

Dos puntos de luz

Te puede interesar