Non perder a esperanza

A resposta a nivel cerebral da cidadanía á corrupción depende da ideoloxía de cadaquén e de onde ou por onde ela veña, segundo un estudo científico asinado por profesores da Universidade de Granada e a Temple University de Estados Unidos. A investigación, que ten como eixo a neurociencia, analizou o comportamento de simpatizantes do PSOE e do PP ao ler e coñecer novas da corrupción ou novas positivas do partido contrario.


Os investigadores din que, a nivel cerebral, é máis efectivo para os partidos políticos desenvolver campañas que desacrediten ao adversario que incidir nas prácticas positivas propias. Se o di a ciencia será así, aínda que moitos defendan e pensen que o importante son as accións positivas, aquelas que redunden no ben común.


O importante é transmitir, con razón ou sen ela, que aquel outro partido é infinitamente peor, con actividades opacas ou escuras, con responsables máis corruptos, máis insolidarios e, se cabe, máis ladróns. As persoas afíns ao PSOE, ao parecer, son máis autocríticas e rexeitan con máis firmeza que as afíns ao PP, os casos de corrupción en calquera dos partidos.


A investigación, despois de escanear o cerebro destes escollidos lectores de mensaxes sobre a corrupción, está recentemente publicada na revista Political Psychology e servirá para que os partidos determinen as súas estratexias comunicativas, para captar votos e asegurar bos resultados. E, “a corrupción, se segue, que siga”.


É unha lacra que impide o desenvolvemento harmónico dos pobos e que ataca á sociedade civil, un complexo fenómeno social, político e económico que deixa sen alento aos máis vulnerables, que socava as institucións democráticas ao distorcer os procesos electorais e as propias normas escritas, pero aí está impedindo que se poida construír un mundo de xustiza, de liberdade e de igualdade.


O Consello Económico e Social da ONU recoñece que máis do cinco por cen do PIB mundial vaise para mans corruptas, para dar pulo á delincuencia organizada e estender o malvivir, con penalidades e escaseza de medios entre as multitudes humildes e de bonhomía. Para erradicar a corrupción hai que unir todas as mans, esixir transparencia e contundencia, recuperar a confianza e, como di a Tía Manuela, “non perder nunca a esperanza”.

Non perder a esperanza

Te puede interesar

Javier García Sánchez
Javier García Sánchez