Lázaro Louzao, en Blacke Box

A galería Black Box ofrece a mostra “A idade dos metais”, de Lázaro Louzao ( Xove,1988) que leva quince anos adicado a fotografía artística; tamén é cineasta, oficio no que se iniciou no ano 2013 con tres curtametraxes; en 2018 fixo a súa primeira longametraxe “ Nove de novembro”, que foi premiada e xa ten participado nunha vintena de festivais. Remata de sacar do prelo o libro “Palpar a pel”, cuxo eixe temático é o corpo masculino, para expresar os desexos e tensións anímicas que nel se reflicten. Os espidos de tres xóvenes actores: Ademar Silvoso, Brais Yanek (protagonistas do filme citado) e Fran Nogueira sirven de modelo para este percorrido por tres cánones da beleza masculina, cun plantexamento mui escultórico no que prima a tensión dramática, expresada a través de contorsionadas posturas que nos fan lembrar a Miguel Anxo e ao pathos dos artistas do barroco, como o seu admirado Caravaggio.


Cada un dos fotografados foron meticulosamente maquillados para que a súa carne fose convertida en ouro, prata e cobre, un tanto para reproducir as pátinas das esculturas de metal, pero, sobre todo,-como Lázaro Louzao confesa- “... para retratar o aspecto máis simbólico destes metais”. A corporeidade física, evidentemente pasaxeira, vese así transmutada en anceio de permanencia, en ansia de superación das limitacións impostas pola condición humana; ser de cobre, de prata ou de ouro, como sucede con tantas pezas de antigas culturas que figuran nos museos, sería garante dunha certa forma de eternidade.


A ambivalencia entre a fraxilidade carnal e a resistencia dos metais é, pensamos, un dos temas centrais da mostra que o autor expresa, ao mesmo tempo, como canto exultante e como elexía; canto ou oda polo esforzo humán, pola lota eterna por superarse e deixar obras que testemuñen do esforzo titánico; pranto elexíaco ou endecha por sentir epidémicamente todo aquilo que nos fere, nos magoa ou nos pon en situacións límite. Sentimos vibrar ese abraio, esa dor contida, nas miradas destes mozos, nas posturas difíciles dos seus membros que se retorcen ata o imposible, nas mans que se dobran sobre caras e corpos como para protexelos, que se tenden para supricar ou que se abren anguriadas como para alonxar ameazas.


A pregunta está latente no sereno e serio perfil do mozo cobrizo, cuxos ollos grises miran cara o infindo; tamén o mozo de prata, que olla de fronte mentres tapa a boca coas mans cruzadas, contén unha exclamación ou un berro; pero é nunha imaxe do mozo de ouro, que agocha a súa cabeza inclinada no dorso do brazo dereito, mentres suxeita a cintura co esquerdo, onde se expresa,máis nidiamaente todo ese desconcerto íntimo i ese eterno inquirir qué somos e a ónde imos. Descubridores do cobre, cuxa aleación co estaño diu orixen a Edade de Bronce; manipuladores da nocturna prata que permitíu as emulsións fotográficas, e soñadores do ouro místico, como en Exipto ou nas antigas culturas amerindias, son hitos da evolución humana que celebra Lázaro Louzao.

Lázaro Louzao, en Blacke Box

Te puede interesar