Dentro do ano dedicado a Laxeiro, a galería La Marina-José Lorenzo ofrece a mostra “Laxeiro: renovación e compromiso”, na que unha vez máis podemos constatar a singularidade expresiva dun pintor xenial que soubo recoller como ninguén, coa súa poderosa capacidade fabuladora e a súa enorme ductilidade plástica, todo un universo polimorfo de seres e de forzas ancestrais, nas que retratou, amén das múltiples facianas da alma galaica, os nosos mitos e os rostros das nosas xentes, toda unha antropoloxía da condición humana na que amosou a doble faz obsceno-poética da realidade. A súa é unha obra na que se mesturan o dramatismo máis extremo de raíz goyesca i esperpéntica, co acougo románico, o lirismo e a tenrura; porque no fondo do seu ser, como en todo gran creador que se precie, loitaba a doble faz da realidade. Desta loita interna deixou constancia no catálogo da mostra “Laxeiro na Arxentina”, que o Concello coruñés realizou no ano 1988; alí di:que é“... un home que constantemente mira desorbitado ao pé do abismo. Todo este mundo plástico treme, está na beira da nada. Esta aventura é a heroicidade dun creador na percura de si mesmo.” Podemos, pois, decir que Laxeiro é un pintor metafísico, porque toda a súa obra é unha percura ontolóxica que, ainda que inspirada en Galicia, trascende o local e une ethos e pathos para falar do drama da humanidade e dese algo recóndito e misterioso que se agocha detrás das aparencias. Por eso, a miúdo tivo que acudir ao mito e crear fábulas como a do mago Mirlotil e o Marqués da Romea. Desta caste é o cadro “Las viudas de Romain”, no que tres pequenas meninas, con adubíos velazqueños, sitúanse de fronte ao espectador contra unha parede cuberta de cadros de tons terrosos. Cadros como “Parranda”, “Cristo” ,”Enterro” e “Pensador” mostran tres maneiras do particular expresionismo de Laxeiro que acada, no último cadro citado, unha ferocidade de contrastes e de trazos doentes, que se poden parangonar coa estética rupturista do grupo “Cobra”. A presenza das xentes de noso, que tanto o inspiraron, é visible na sanguina “O gaiteiro”, en certos rostros de mulleres e no debuxo de dúas campesinas, acompañadas de dous nenos, que parecen ir camiño da feira cos seus cestos. Testemuna do extraordinario retratista que foi Laxeiro é o óleo no que representa de modo realista a Federico Vogelius, un abogado laboralista co que trabou amizade en Bos Aires. A deformación expresionista é voluntariamente buscada polo pintor de Lalín para mostrar a eterna dialéctica entre as forzas xenetrices e as tanáticas e pinta as acrobacias do ser, e da vida a persoaxes de lenda e de conto, trasnos incitantes que se alimentan da tradición popular, pero sobre todo do imaxinario do seu propio inconscente, porque –como deixou dito– “o cerebro do home ou, millor dito, a imaxinación é tan infinita como o infinito”. Así, vida e soño, realidade e anceio súmanse para dar forma a creacións nas que o neno-artista se sulagou enteiro para afondar nas eternas raíces do misterio do ser.