O gozo de regalar

|

Un regalo é un regalo sempre, unha marabilla para o que o fai e para quen o recibe, é aquilo que se lle dá a alguén como mostra de afecto e/ou de agradecemento. Agora neste tempo, os comercios enchen os seus escaparates de regalos para todas as idades e para todas as variadas formas de pensar, de querer e de ser. Seica andan o Papá Noel, os Reis Magos e o Apalpador repartindo regalos ás dúas mans, en competencia, en loita pola benquerenza dos meniños, dos rapaces, dos pais e dos avós.

Nas zonas da montaña de Lugo, o Apalpador era un home grande e moi abrigado, que baixaba do monte para apalparlles a barriga aos nenos e saber, polo tacto, se comeran ou non comeran o caldo. As veciñas do lugar amedrentaban e atemorizaban aos máis pequenos pouco comedores coa chegada daquel demo que lles apertaba a barriga baldeira. Moitos daqueles nenos non comían e, a pesar do medo ao Apalpador ou Pandigueiro, seguían fracos como os nenos da guerra.

Agora os tempos cambiaron e o Apalpador non apalpa nada. Se o fixese, sería un maldito pederasta, un vello abusón que seguiría metendo medo. Non. Seica é un repartidor de agasallos, alí onde non queren que vaia o Papá Noel e onde nos cren no Reis Magos. Moitos tampouco cren nos novos inventos.

No concello de Écija (Sevilla) teñen ao Tientapanzas, que aparece entre o Nadal e Ano Novo, para informar aos Reis Magos do comportamento dos nenos. Os cataláns teñen ao Tío Nadal, que tamén regala en Aragón, mentres lle cantan cancións desta época. En Euskadi, Navarra e no País Vasco francés esperan ao Olentzero, un carboeiro que vive illado nos bosques e vén cos regalos e con carbóns o día do Nadal.

En Asturias, na Noiteboa, trae os regalos un personaxe que chega en barco e que os compra cos cartos de vender na lonxa as súas anguías e angulas. Vai de casa en casa facendo un xeneroso reparto. En Cantabria trae os regalos L´Esteru, un leñador que fuma en pipa e pasa a vida cortando leña para poder repartir co seu axudante os regalos dos nenos.

Aí están formas distintas de alimentar a fantasía, de desfrutar recibindo e regalando. Como dicía Francisco Umbral, “un agasallo de Reis adoita supoñer, máis que o capricho do neno, a pantasma dun anhelo ou desconsolo dos pais”.

E, os regalos aos cadelos? Os cans e as mascotas todas teñen dereito a seren receptoras de regalos, nesta época e en calquera outra do ano. Xa que logo a economía do agasallo non minguará e continuará o gozo que produce o recibir e o regalar.

O gozo de regalar