A Galicia que queremos

Como cada 25 de xullo, ao celebrarmos a ‘Festa Maior de Galicia, a festa de todos os galegos’ -como a denominou Castelao-, compartimos o sentimento de irmandade propio dos fillos desta terra, facendo memoria do que somos e do que fomos, pero sempre ollando o futuro coa seguridade de que o mellor está por vir.


Temos o privilexio de sermos herdeiros e depositarios dunha cultura milenaria, cunha lingua e unha historia propias, mesmo dunha forma de ser e de actuar determinadas, coa moderación, o sentidiño e a capacidade de esforzo como sinais característicos. Habitamos unha terra bendicida por unha natureza privilexiada, un clima benigno e recursos naturais abundantes e diversos. Cultura, contorna, recursos e persoas constitúen o substrato da ‘Galicia Calidade’ que construímos cada día, cada quen desde as súas responsabilidades.


Nun escenario –tanto nacional como internacional- caracterizado pola polarización, o enfrontamento constante e mesmo condutas estarrecedoras para calquera persoa de ben, a Galicia dos nosos días eríxese como unha illa de estabilidade, cunha normalidade ausente noutras latitudes.


Blindar Galicia fronte á degradación que ollamos noutros territorios é unha obriga irrenunciable para cantos aspiramos a actuar conforme os principios e valores propios dos “bos e xenerosos” que enxalza o noso himno.


Tender pontes, no canto de erguer muros; ofrecer solucións, en lugar de crearlle novos problemas á xente; animar á concordia, en vez de sementar crispación; ofrecer estabilidade e seguridade xurídica ao empresariado que promove investimentos no país, fronte a quen só promove atrancos; ollar a quen pensa diferente como un contrincante, xamais como un inimigo,... conforman un conxunto de actitudes que en Galicia temos interiorizadas e que explican, en boa medida, o noso xeito de ser e de actuar. Tamén algúns dos nosos éxitos.


Despois de máis de 40 anos de autonomía, Galicia ten demostrado con feitos que a democracia e autonomía constitúen unha fórmula de éxito para mellorar a calidade de vida das persoas e, canda ela, estimular a creación de riqueza e incentivar o avance do país. En todos os ámbitos.


Pero sería irresponsable ignorar as ameazas que nos axexan, especialmente a crise de credibilidade das institucións provocada polos que supostamente tentaron utilizalas -as institucións e os recursos públicos- en beneficio propio. Para delinquir, porque hai que chamar as cousas polo seu nome.


Malia que Galicia se mantén á marxe de comportamentos impropios, cómpre non baixar a garda, redobrando os esforzos para obrar con rectitude, reforzando os mecanismos de control e inculcando entre os máis novos o valor do esforzo e o respecto ás leis como norma de conduta. Porque non todo vale. En ningures.


Unha Galicia aberta, próspera e plural é posible. Unha Galicia aberta ao mundo, pero orgullosa dos nosos sinais de identidade. Unha Galicia que explote todos os seus recursos para transformalos en riqueza e emprego para a nosa xente. Unha Galicia plural, con oportunidades para todos. Esta é a Galicia que queremos, de todos e para todas.


Feliz Día de Galicia e de hoxe nun ano!

A Galicia que queremos

Te puede interesar