O eterno funeral de Galicia

Resultan encantadoras esas persoas fáciles de compracer, que son felices só cun lapis e o un papel, ou cunha pelota, ou cunha enquisa. Colles os datos -estean ben traballados ou non- e tras unha lectura superficial xa podes acudir ao computador e mostrarlle ao mundo a túa felicidade polo inminente éxito electoral, polo triunfo do teu estilo de música ou, mesmo entre algúns que se denominan “patriotas galegos”, pola segura morte do teu país.


Este fenómeno tivo unha nova réplica nos recentes días de Nadal, seica non pode descansar nunca. Un traballo demoscópico do Instituto Nacional de Estadística (INE) deixaba o dato de que por primeira vez o castelán é, pola mínima, máis utilizado que o galego polos que nesta nacionalidade histórica vivimos. En realidade, o INE deixaba moitas máis consideracións, como que por exemplo a lingua propia de Galicia está no marco alto de falantes respecto ao resto de cooficiais en España, ou os problemas que comezan a albiscarse no seu ensino, onde as políticas da Xunta deberían apostar por outra orientación. Pero, desde logo, o que en ningún caso conta o INE é que vaia a desaparecer o galego. Non obstante, esa sempre é a conclusión que sacan algúns que, aínda por riba, se postulan como os mellores e máis puros amantes del.


É o de sempre. A pulsión negativa, o velorio e a derrota como primeiro argumento ao falar de Galicia, tal e como o sinalaron en redes sociais moitas persoas, cansas xa dese galeguismo de funeral, adicto á apocalipse e que volveu á carga con renovadas forzas tras a nova do INE. Un poeta de 28 anos escribiu un artigo no que se sentiu persoalmente afectado polos datos, e dixo que se estaba “extinguindo”. O disparate chegou ao punto de que acusaba así en xeral aos políticos de cometer un “etnocidio”, do que se lle esqueceu incluír o Premio Nacional dotado con 20.000 pavos que eses mesmos etnocidas lle outorgaron polo seu último libro, de 60 páxinas. Máis de 300 euros por cada unha. Se pagan así, avisen onde hai que poñer a solicitude de ingreso na extinción.


Por suposto, na leria esta non faltaron os habituais argumentos reaccionarios, de extracción case carlista. O peor inimigo do galego son as grandes cidades e, especialmente, a súa satánica maxestade A Coruña. Noutro artigo unha ex-deputada nacionalista botáballe unha bronca a unha suposta señora de Bergantiños por falar castelán un anaco “cando foi ao Corte Inglés” desa mesma cidade. Eis outra característica desta tendencia, a procura constante e sinalamento do malgalicio. Seica concentrados nas urbes que fixeron oficial o galego co seu voto ao Estatuto en medio dunha xigantesca abstención rural.


Galicia, e a cultura galega, avanza. E máis que podería facelo cun enfoque progresista. Esa é a relidade. A nosa imaxe é a puxanza económica, non unha aldea abandonada. Se queren este país, non sexan cenizos.  

 

O eterno funeral de Galicia

Te puede interesar