Nostián: Declaracións e feitos

Así anunciaba o Goberno de Inés Rey, a comezos de mandato, os seus retos de futuro para a planta de Nostián: “É un reto da loita contra o cambio climático, queremos ser un modelo referente, de novo, no tratamento dos residuos urbanos”. Mais xa pasaron máis de dous anos dende o fin da concesión e aínda non sabemos cando se licitará o novo contrato da planta.

E, mentres tanto, que pasa con Nostián? Hai apenas uns días soubemos que a Xunta volveu multar a planta por incumprimentos en informes ambientais. E, na mesma dirección, a Xustiza vén de ratificar que a actual concesionaria ten a obriga de selar os vasos e continúa sen o facer, pese a ser un paso imprescindíbel para manter as emisións de efluentes dentro dos límites admisíbeis.

Pois ben, ao mesmo tempo que a deterioración da planta vai a máis, continúa sen haber unha solución definitiva para os refugallos, que representan unha porcentaxe do 55%, moi superior ao obxectivo do 10% fixado pola Unión Europea.

Porén, a pasada semana coñecemos un novo atranco que engade aínda máis incertezas. E é que nas Cortes Xerais do Estado estase a tramitar o Proxecto de Lei de de Residuos e Solos contaminados, que traspón unha nova directiva europea, e o Goberno central, por vía administrativa, pretende impor unha interpretación restritiva, que deixa fóra do sistema o modelo de recollida húmido-seco existente na Coruña.

Se se impor este criterio, na Coruña habería que introducir un quinto contedor, específico para envases, no canto de se facer a separación en planta, pese a que acaba de entrar en vigor o novo contrato de contedores en virtude do cal se renovaron todos os colectores de lixo da cidade.

Unha mudanza que, ademais, obrigaría a introducir novas adaptacións na planta de Nostián, retrasando aínda máis, segundo o Goberno local, a nova licitación. A imposición desta mudanza normativa non se xustifica por criterios ambientais. De feito, Nostián, en proporción á poboación á que presta servizo, recupera e recicla moitos máis envases que SOGAMA.

Por iso, o Goberno central ten que deixar de poñer paus nas rodas e non pode vestir de “verde” unha medida que só pode entenderse para dar satisfación aos lobbies que fan negocio co lixo. E o Goberno municipal non pode seguir parado moito tempo mais sen tomar unha decisión executiva. Neste tema, vai sendo hora de que as declaracións dean paso aos feitos.

Nostián: Declaracións e feitos

Te puede interesar