Das debacles

EFeijóo tivo o seu cara a cara co Presidente Sánchez. Ese ansiado e pedido encontro, no que pretendía facer a súa  entrada triunfal na política grande, na do Estado. Como di a famosa canción popular, máis valera que non fora...Feijoo foi a por lá e saíu radicalmente trasquilado. E isto sendo malo non foi o peor, xa que a súa imaxe prefabricada de xestor e experimentado político, quedou absolutamente desmontada. Non facía falla tanta espera, só con analizar os datos da súa xestión en Galicia, deixaría en evidencia a levedade política dos seus anos de maiorías absolutas. 
 

A familia política popular asistiu pasmada ao naufraxio dun Feijoo incómodo, desorientado, nervioso, ancorado nos lemas simples e repetidos de cada día e sen resposta nin pegada. Non tivo profundidade, elocuencia nin propostas para confrontar con Sánchez. Os votantes populares descubriron a un Feijóo que non coincide coa imaxe que lle venderon nos medios e deixa neles fonda preocupación. 
 

Tal foi o tamaño da debacle, que os medios afíns pasaron fea deste asunto rapidamente. Inauguramos o Curso Xudicial e  Carlos Lesmes, o Presidente que leva 4 anos co cargo cumprido, esixe novamente aos Partidos políticos acordos para esa renovación que leva 4 anos pendente. Non se dirixe aos populares, único partido que bloquea esta renovación, senón que pon a todos no mesmo raseiro, e fala cunha pretendida autoridade moral que non ten. A súa obriga sería ter dimitido fai 4 anos cando a renovación do Consello, recollida pola Constitución, non se levou a cabo. Agora ameaza con dimitir, como se el fora inocente no guión desta ópera bufa. É de aplicación un tarde piaches, cando menos. Finou Isabel II, unha presenza cuasi eterna nas nosas vidas. Carlos III accede finalmente ao trono, pero a sombra de Isabel vaille resultar insuperable e excesiva.
 

Vivirte ten convicción de permanencia -dixo El- amarte, a rotundidade definida dunha bóveda.

Das debacles

Te puede interesar