Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Como cada ano pola tradición creada tempo atrás, as entidades e asociacións galegas consagradas á custodia da memoria democrática das vítimas da represión franquista, novamente ocuparan os espazo desa Illa da Memoria que conforman os illotes de San Simón e Santo Antón, na baía de Rande, polo simbolismo que representa ter sido, no frenesí dos días que se sucederon ao golpe de estado dos militares liderados por Mola e Franco, o máis grande campo de concentración de prisioneiros e das persoas que soportaron represalia no ámbito do territorio galego. Nesta ocasión, na que se honrará a memoria das e dos guerrilleiros que mantiveron aceso o lume da resistencia fronte á cruel ditadura imperante, ao tempo de reivindicar unha vez máis a necesidade dun proceso de verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición para os crimes de lesa humanidade daquel pasado que foi a longa noite de pedra para os dereitos humanos máis básicos, esta manifestación faise baixo a frustración do acordo parlamentario que ben de dar luz verde á continuidade da tramitación da chamada Lei de Memoria Democrática. Outra oportunidade perdida.

Certo e verdade é que medio século despois da morte do ditador, no ámbito estatal español non se tivo a vontade de aprobar unha lei definitiva que nin o foi a aínda vixente de 2007, e tampouco vai a ser a que vén de pasar o trámite no Congreso das e dos Deputados. Unha mágoa que realmente pon en dúbida a calidade democrática dun Estado que o fía todo á reconversión da loita pola verdade, a xustiza e a reparación, asociada ao fortalecemento dos valores democráticos, tirado da súa expresión académica e dunha lectura histórica que vai da man dunha hipotética perda do impulso deste sólido e teimoso movemento a prol da memoria histórica democrática ao tempo que se agarda a desaparición biolóxica das vítimas para que o asunto vaia esmorecendo. Esquecendo.

Ata hoxe, miles de persoas morreron sen verse reparadas como vítimas do franquismo. Moitísimas familias compartiron con eles a súa frustración vendo como, a pesar do formal réxime democrático recuperado, nin tan só era posible abrir un só caso xudicial en territorio español. Nin unha causa, pois, sentenciando condena a responsábeis de torturas ou crimes no aparato represor do franquismo. Todos chocaron contra a Lei de Amnistía de 1977, preconstitucional, verdadeiro muro que sostén o modelo de impunidade español.

Unha atadura invisíbel que continúa sen ceibarse.