O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu este mércores na necesidade de acelerar a homologación de títulos universitarios para estranxeiros porque “non ten moita lóxica” que continúen existindo impedimentos para contratar a estas persoas que veñen de fóra polos trámites burocráticos.
Durante o acto de entrega de diplomas aos beneficiarios do programa Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) 2024-25, acompañado dos conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e Emprego, José González, o mandatario galego dixo que hai que “acabar con esta situación” que afecta a moitos dos bolseiros diplomados nese mesmo acto.
Este programa ofreceu este curso unha nova convocatoria de 250 bolsas para estudos de máster nunha universidade pública de Galicia e dirixidas a persoas galegas que estean a residir no estranxeiro.
“Non ten moita lóxica que poidades vir, porque tedes un título, a facer un máster e que despois ese título, que dá dereito a facer un #máster, tarde tantísimo tempo en recoñecerse, cando se recoñece”, considerou Alfonso Rueda, recollendo tamén as palabras do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López.
O presidente sinalou que hai que “tentar arranxalo” porque se unha empresa está a desexar contratar a estes bolseiros non pode “resignarse a que tarde moitísimo tempo” polos “trámites burocráticos”.
Neste sentido, Rueda comprometeuse a “presionar e transmitir” esta necesidade ao Goberno central, que é o competente na materia, para que “a homologación de títulos sexa moito máis rápida”, algo que hai que facer “de maneira coordinada”, apuntou.
Na súa intervención, o mandatario autonómico asegurou que Galicia, que “foi unha terra de emigración”, agora é “unha terra de oportunidades que crece”, polo que é o momento de “devolver todo iso” aos que “cando facía falta botáronnos unha man” desde moitos países.
Así, ofreceu “acollemento con sentidiño e planificado” a todos os galegos que queiran retornar ou os seus descendentes e darlles axuda “en todo o que sexa empezar unha nova vida”, tamén “botando unha man” en todo aquilo que teña que ver co acceso á vivenda.
“Grazas ao esforzo dos que tiveron que saír de Galicia, pero nunca se esqueceron de que viñan de Galicia”, concluíu o presidente da Xunta.
As bolsas BEME están destinadas a galegas e galegos universitarios que residan fóra da comunidade galega desde hai máis de dous anos, ou aos descendentes de cidadáns galegos que conten cunha titulación superior, que desexen cursar un dos máster ofertados por calquera das tres universidades públicas da comunidade.
O obxectivo que perseguen estas bolsas non é outro que estes mozos que as soliciten poidan completar a súa formación universitaria, o que podería permitirlles quedar a traballar e vivir en Galicia.