Unha iniciativa lexislativa aspira a "restaurar" a letra orixinal do Himno de Galicia

Unha iniciativa lexislativa aspira a "restaurar" a letra orixinal do Himno de Galicia
Promotores da iniciativa lexislativa popular para restaurar a letra orixinal do Himno de Galicia

As interpretacións ao longo dos anos do Himno de Galicia e as diferentes plasmacións por escrito supuxeron unha acumulación de erros no Himno de Galicia, os cales pretende corrixir agora unha iniciativa lexislativa popular impulsada por unha trintena de persoas, entre elas as entidades Vía Galega e Galiza Cultura e o musicólogo e investigador da partitura do himno Fernado López-Acuña e Manuel Ferreiro, que achegou un estudo sobre a situación.


Non é o primeiro intento que se leva a cabo para tratar de acomodar o texto legal á orixinalidade do poema escrito por Eduardo Pondal desde 1996, sobre en 2002 e en 2017-2018, como lembrou o propio Ferreiro.
Concretamente, na exposición de motivos faise referencia a castelanismos e 'hiperenxebrismos' como ronco/rouco ou iñorantes (escribiuse ignorantes, na forma orixinal), así como a deturpación da expresión orixinal por un "proceso de banalización textual, pasando de 'clan' --pobo-- a 'chan' --solo--.


Segundo se recolle no texto que se rexistrou na Cámara galega este martes, que agora debe ser cualificado pola Mesa e posteriormente superar a recollida de firmas que o apoien, o propio Pondal "era consciente destas deturpacións textuais" cando nunha carta do 11 de xaneiro de 1913 advirte que "o texto contén non poucas erratas", pero "infelizmente o estado de saúde de Pondal non permitiu a actuación correctora e restauradora" que os promotores desta iniciativa sosteñen que é momento de levar a cabo.


Texto legal
 

A proposición de lei inclúe catro artigos, o primeiro deles, para modificar o artigo 4 da Lei 5/1984 de símbolos de Galicia para fixar a letra do himno nas catro primeiras estrofas. Tamén se inclúe outra modificación, neste caso da disposición adicional terceira desta mesma lei para incluír o texto completo que se corresponde co himno, incluíndo esas modificacións.


A iniciativa lexislativa popular inclúe un terceiro artigo para que a Xunta faga cumprir a todas as institucións e sociedades públicas delas dependentes, como a radio e a TVG, a "reprodución, canto e interpretación completa" do himno.


Finalmente, a proposta lexislativa reclama que a Xunta faga unha edición popular da letra restaurada conforme ao texto creado por Eduardo Pondal, xunto coa partitura do himno, co obxectivo de distribuílo, divulgalo e popularizalo de forma masiva na sociedade galega, singularmente, en todos os centros educativos, agrupacións musicais e corais, bandas de música, entidades deportivas, asociacións culturais ou calquera outra entidade cívica.


O portavoz da plataforma Vía Galega, Anxo Louzao, explicou en rolda de prensa que una das razóns polas que vén motivada esta iniciativa é porque "sen dúbida" é preciso "propagar" e "divulgar" o himno galego, xa que "é unha obviedade" o descoñecemento social sobre a "xénese e historia" e "significado" do himno.


Pola súa banda, na rolda de prensa tamén falou a escritora e profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro, quen lembrou que os parlamentarios da Cámara galega xa puideron coñecer a documentación que avala a restauración do himno nunha xornada de 2017 e lembrou que se poden consultar textos na sede da Real Academia Galega (RAG). Así, defendeu que é o momento "curar este anacronismo".  

Unha iniciativa lexislativa aspira a "restaurar" a letra orixinal do Himno de Galicia

Te puede interesar